A Deputación de Pontevedra lanza un ciclo de concertos no Náutico de San Vicente con cartel secreto

As actuacións terán lugar entre o 10 e o 14 de agosto, en sesión vermú e tamén de tarde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentou este venres o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas" que, durante cinco días, celebrarase no Náutico de San Vicente do Grove, cun cartel "secreto" e en formato reducido.

Así o anunciou a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, acompañada polo responsable do Náutico, Miguel de la Cierva, e explicou que as actuacións serán desde o 10 ao 14 de agosto, en dobre sesión ás 13,00 e ás 20,00 horas, e reunirán a artistas relevantes do ámbito estatal e tamén a valores emerxentes da escena musical galega.

O cartel será "secreto", como é habitual neste espazo, para manter o factor sorpresa e que o público vaia descubrindo en cada xornada, e a cada hora, ao protagonista da sesión.

Carmela Silva cualificou ao Náutico do Grove como "un dos proxectos máis atractivos e sobresalientes" da provincia, todo un "clásico" dos veráns nas Rías Baixas e "un dos grandes referentes musicais e elemento dinamizador do turismo no territorio, que aposta por situar o destino na oferta turística musical".

Así mesmo, a responsable provincial enmarcou esta colaboración na liña de apoio a "iniciativas de turismo de emocións, multiexperiencial e sustentable".

ARTISTAS COMO "PRESCRIPTORES" TURÍSTICOS

Pola súa banda Miguel de la Cierva destacou que conseguir a programación que se ofrece no Náutico, con cen concertos no ámbito privado, "case é un milagre". O responsable do Náutico agradeceu este apoio institucional e sinalou que, con este ciclo, non só se aposta pola música, senón que "os e as propias artistas convértense en prescriptores turísticos nas súas redes sociais", igual que o propio Náutico nas súas publicacións, "sendo así actores prolíficos da natureza e dos valores do territorio".

Con respecto ao carácter secreto do cartel, aclarou que, dese modo, ponse "o foco" no "valor experiencial e non só na capacidade de convocatoria dos e das artistas que veñen actuar".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta