Fernández Lores, sobre o boicot ao pregón: "Foi violencia premeditada contra a cidadanía"

Culpa a ENCE e ao PP da situación na que se atopan os traballadores, e pide á Fiscalía que actúe "de oficio" ante o acontecido este domingo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2021 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, censurou os incidentes protagonizados por un grupo de traballadores de ENCE o pasado sábado durante a lectura do pregón das festas da Peregrina e que definiu como un "acto de violencia premeditado e planificado contra a cidadanía".

O rexedor avanzou que a Policía Local se atopa estudando o ocorrido para poñelo "en coñecemento da Fiscalía" que, segundo considerou, debería actuar "de oficio" ante estes "actos de violencia cometidos contra a Corporación" en pleno espazo público. Así o trasladou este luns nunha comparecencia de prensa, na que pediu aos promotores da protesta "que paren a violencia". "O que pasou durante o pregón do sábado foi un acto de violencia premeditado e planificado contra a cidadanía", advertiu.

Así mesmo, Fernández Lores lamentou que, "despois deses actos de violencia", concelleiros do PP, algúns dos cales "forman parte da Executiva do Partido Popular de Galicia", se vestiron cos chalecos amarelos dos traballadores, "por se houbese algunha dúbida" de que a protesta "estaba apoiada" por esta formación.

"Como alcalde de Pontevedra nunca pensei, nin no máis remoto pensamento, que membros da Corporación de Pontevedra avalasen actos de violencia contra a Corporación e o seu alcalde", lamentou. Lores agradeceu o traballo da Policía Local, que lle fixo sentirse "moi arroupado", e fixo un "chamamento" á empresa de celulosas e ao PP para "que se dediquen a traballar buscando alternativas á localización ilegal en Lourizán da fábrica de Ence".

Fernández Lores reiterou os seus argumentos sobre a situación actual que atravesa a pasteira da Ría de Pontevedra por mor da sentenza da Audiencia Nacional en contra da ocupación por 60 anos da superficie de dominio público marítimo terrestre. "É o resultado dun fracaso estrepitoso da empresa e do Partido Popular", insistiu o alcalde, que criticou "a incompetencia" desta formación por non cumprir "coa súa obrigación de buscar unha alternativa á localización de Ence en Lourizán".

Lores lembrou que "a empresa e o PP sabían xa fai 32 anos que a concesión terminaba en 2018", polo que "tiñan que buscar alternativas" se querían seguir producindo na comarca de Pontevedra. En cambio, engadiu, "o que fixeron foi tentar enganar, en primeiro lugar os traballadores e en segundo lugar a cidadanía".

Neste sentido referiuse á prórroga outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy "que se demostrou que era ilegal" e que se articulou "saltándose incluso a lexislación vixente da Xunta". "Eles son os máximos responsables desta situación", incidiu o alcalde. Por todo iso, pediu ao PP que faga "exame de conciencia" e se desculpe ante a sociedade pontevedresa.

Asistentes á lectura do pregón das Festas da Peregrina acoden a refuxiarse a unha cafetaría próxima despois de que unha protesta de traballadores de Ence interrompa e boicotee o acto, en Pontevedra, Galicia (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press
Asistentes á lectura do pregón das Festas da Peregrina acoden a refuxiarse a unha cafetaría próxima despois de que unha protesta de traballadores de Ence interrompa e boicotee o acto, en Pontevedra, Galicia (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta