Asociacións de Bergantiños reclaman investigar presuntas irregularidades en bolsas escolares no Concello de Laxe

A empresa EDP Renovables presentou un programa de bolsas escolares denominadas Green Education. Este sábado 21 de agosto, a Plataforma Eiquí Eólicos Non organizará unha andaina reivindicativa nunha das zonas de impacto dos parques eólicos de Barxas e Busmaior

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/08/2021 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

As entidades ambientais Petón do Lobo, Asociación Galega Cova Crea e a entidade O Ouriol do Anllóns, presentaron na Fiscalía Xeral do Estado unha solicitude de investigación por presunta corrupción ou tráfico de influencias no caso das becas escolares coas que EDP Renovables incentivaría ao concello de Laxe.

Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo
Parques eólicos .. ENEL GREEN POWER - Arquivo

Estas bolsas denominadas Green Education están creando “dúbidas” entre as asociacións da comarca de Bergantiños. Isto débese a que o Concello de Laxe debe informar en varios trámites administrativos sobre tres expedientes que a empresa EDP Renovables tramita na Xunta. Ditos expedientes corresponden  cos parques eólicos Soesto, Pena dos Mouros e Monte Chan, “cunha incidencia ambiental severa e prexuízos irreversibles para a Rede Natura e ás paisaxes”.

As entidades queren lembrar que ao abeiro do Convenio Europeo da Paisaxe, en vigor desde o 1 de marzo de 2004, e que España ratificou o 26 de novembro de 2007 (BOE de 5/02/2008), que se debe protexer un valor complexo, a necesidade de toda a cidadanía de establecer unha relación sensible co territorio e o dereito a gozar desa relación.

Por iso as tres asociacións insiste en que ninguén, “incluída EDP Renovables, o Alcalde de Laxe ou a Xunta de Galicia, teñen dereito a danar a dimensión paisaxística dun territorio sen ter primeiro en conta o interese do conxunto da poboación local afectada”. Por outra bandan lembran tamen a prohibición da recalificación urbanística dos montes afectados por incendios, como é o caso.

EIQUÍ EÓLICOS NON

Por outra parte, este sábado 21 de agosto, a Plataforma Eiquí Eólicos Non organizará unha andaina reivindicativa nunha das zonas de impacto dos parques eólicos de Barxas e Busmaior. A marcha sairá de dous puntos diferentes, ás 10.00 do alto do Couto, unha marcha de 11 km, e ás 11.00 da aldea de Hórreos, outra andaina de 4 km, para confluír no Chao dos Lobos, no monte comunal de Hórreos.

Durante a actividade terá lugar unha serie de charlas divulgativas sobre os valores económicos, naturais e socioculturais do territorio afectado. Ás 16.00 lerase un recital poético a cargo de Urbano Arza, Xesús Manuel Marcos, Miguelanxo Lar e Tegra Romeo Veiga.

Esta acción “forma parte das actividades da “Plataforma Eiquí Eólicos Non” para articular a defensa da montaña e evitar a instalación destes macroparques eólicos”. A Plataforma entregou nos últimos mesas mais de 5000 alegacións contra os Parques Eólicos de Busmaior e Barxas, en colaboración coa plataforma do Bierzo “Rural Sostenible”.

A andaina reivindicativa toma como lugar simbólico o Chao dos Lobos, onde queren instalar un muiño de 200 metros de altura, “a poucos metros da recentemente declarada Microreserva de Orquídeas, un dos espazos protexidos desta comunidade xunto cunha Masa Consolidada de Frondosas Autóctonas de 80 hectáreas”.

Eiquí Eólicos Non aproveitará para poñer en valor o camiño tradicional entre o Bierzo e o Courel. Para iso anuncia unha próxima actividade para recuperar o camiño que une Vilafranca e Lugo, entrando á comarca courelá por Visuña, unha das aldeas afectadas polos macroeólicos.

A respecto dos proxectos dos Parques Eólicos de Barxas e Busmaior, a “Plataforma Eiquí Eólicos Non” denuncia que nin os quilómetros cadrados que avalía a promotora nin os concellos que nomea dentro do impacto, “se corresponden coa totalidade de territorio afectado polos parques”. Sobre este punto din que as unidades de estudo escollidas son suficientes para avaliar os impactos, nin se presenta relación de bens e dereitos afectados para a súa exposición pública.

Tampouco se indica a superficie da poligonal do parque e as coordenadas desta, o que impide coñecer o verdadeiro alcance do proxecto sobre a Rede Natura 2000. Denuncian ademais, que o proxect carece dunha avaliación do impacto socioeconómico que causará sobre as explotacións forestais e madereiras da área afectada, e sobre as explotacións de cultivo de viñas e soutos nos territorios afectados.

Por último, engaden que a instalación terá danos irreversibeis no patrimonio paisaxístico, xeolóxico e etnográfico das zonas nas que se sitúa. Ademais diso, incidirá directamente nunha das áreas de desenvolvemento económico máis importante para boa parte da súa poboación, o turismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta