Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/01/2014 | Actualizada ás 23:43
A web da Consellería de Traballo publicou polo menos ofertas do programa Alemán de formación profesional "The Job of Your Life". Os xermanos buscan mozos galegos para darlles formación especializada -por exemplo ópticos, especialistas en audífonos, maitres, cociñeiros, recepcionistas, etc- e traballar en prácticas a cambio de salarios que empezan sobre os 300-400 euros o primeiro ano, e logo poden chegar aos 500-600 no último ano do curso
O "Programa de Formación Dúal Vocacional" dura tres anos e posibilita a obtención dun título oficial alemán nunha especialidade. Isto abre a porta a que os emigrantes -se superan os exames e aguantan en Alemaña con tan reducidos salarios- poidan quedarse definitivamente nese Estado.
O programa "The Job of My Life" é unha iniciativa do Ministerio Federal de Traballo e Asuntos Sociais que conta co apoio da Unión Europea. Actualmente, na web da Xunta búscanse a través desta iniciativa mozos para emigrar a Bremen, Rhineland Palatinate, Schleswig-Holstein e Bavaria. As prazas ofertadas superan as 70.
O feito que a Xunta promocione unha iniciativa que favorece claramente a emigración dos mozos é obxecto de crítica por Alternativa Galega de Esquerdas. A coalición asegura que este anuncio revela o fracaso do Executivo Galego na súa política de emprego.
Coremain comeza a aplicar este modelo en Galicia
AGE denunciou que a Xunta de Galicia comeza a imitiar o modelo alemán. Así, iniciou unha campaña de promoción da nova modalidade de Formación Profesional dual en Galicia comezando por un proxecto experimental de FP Dual coa empresa Coremain SL, unha das empresas que mais contratos ten asinado coa Xunta de Galicia en materia de novas tecnoloxías da Información. O convenio asinado por Coremain e a Xunta permitiulle a empresa realizar 15 contratos de aprendizaxe despois de ter despedido a 10 traballadores con anterioridade.
Segundo datos do INE, 71.500 mozos e mozas marcharon fóra do país nos últimos cinco anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.