Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 17:14
A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, recriminou que o Goberno autonómico coñecía os plans das empresas que realizaron baleirados "a través de dous e-mails recibidos durante os días 10 e 12 do mes de xuño". "Poderiamos estar ante un suposto caso de prevaricación, porque se está traballando para beneficiar ás eléctricas en contra da lei, en contra o medio ambiente e en contra de Galicia", dixo.
Por iso, anunciou que a formación solicitou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre o baleirado dos encoros por parte de Iberdrola e Naturgy. Así o deu a coñecer nun acto celebrado no encoro do Vao, no Concello de Viana do Bolo, "un dos que está a sufrir o efecto da usura das eléctricas", apuntou.
A líder do BNG pediu explicacións mediante a creación dunha comisión de investigación coa que solicita que se dea resposta a tres preguntas: "Por que o Goberno da Xunta tiña coñecemento de que se ían a producir estes baleirados e non actuou?, por que se está permitindo que as eléctricas baleiren encoros danando o medio natural sen que se faga nada? e por que a Xunta modificou a lei vinculada coas penalizacións ao sector eléctrico para rebaixar nun 90% as sancións?".
Deste xeito, Pontón afeou a Núñez Feijóo "ir de ganchete co lobby enerxético" e "traballar en contra dos intereses de Galicia". "Estamos a ver como descende a auga única e exclusivamente para que as eléctricas gañen máis e máis nesta estafa diaria na que levamos meses", destacou Pontón, que acusou á Xunta de Galicia e ao Goberno central de permitir "un atentado ecolóxico e un atentado contra o que debería ser o funcionamento normal do sistema eléctrico".
Por todo iso, trasladou que o Parlamento de Galicia "é o foro onde teñen que darse esas explicacións", que demanda mediante a apertura da comisión de investigación. "Xa está ben de que as eléctricas manden máis que os gobernos que democraticamente foron elixidos", agrega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.