Caballero saca peito da estratexia de vacinación de Sánchez fronte a un Feijóo "que dicía que non había vacinas"

Feijóo insta ao PSOE a pedir "perdón" por "usar políticamente a pandemia" tras o aval do TS ao pasaporte covid

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, instou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e por extensión a todo o seu partido a que pidan "perdón" por usar " politicamente" a pandemia despois do rexeitamento da xustiza galega á implantanción do certificado covid na hostalaría que, finalmente, foi avalado polo Tribunal Supremo nunha sentenza emitida o pasado martes.

Un día despois da decisión do TS, Feijóo e Caballero volveron a atoparse cara a cara no hemiciclo durante a primeira sesión de control do curso político, celebrada na mañá deste mércores no Parlamento galego, onde o presidente galego sacou peito polo 'si' da xustiza ao certificado covid.

"O Tribunal Supremo considera que as actuacións da Xunta foron idóneas, necesarias e proporcionadas. Que quere que lle diga despois dunha sentenza que vostede despreza", espetou Feijóo en dirección a Caballero despois de que este citase o rexeitamento do TSXG á implantación desta medida na hostalaría na batería de "problemas" que, ao seu xuízo, ten a Xunta "alá onde ten competencias".

Segundo o socialista, a Xunta "foise de vacacións" sen "xustificar" ante a xustiza unha medida que afectaba a "dereitos fundamentais" da cidadanía. "E agora que xa non o queren aplicar (certificado covid) felicítanse por unha decisión dos tribunais sobre un caos que vostedes crearon", apostilou Caballero.

Na súa resposta, Feijóo espetou que o seu goberno solicitou autorización aos tribunais sobre a implantación do pasaporte covid "cando se nos dixo que podía afectar os dereitos fundamentais" dos cidadáns. A continuación, o mandatario autonómico incidiu en que quen debe pedir "desculpas" é o Partido Socialista de Caballero por usar " politicamente" a pandemia en Galicia e, en España, empregar "un estado de alarma inconstitucional".

VACINAS

"Fai menos dun ano, vostede (Feijóo) dicía que non habería vacinas ata o segundo semestre do ano. Hoxe máis do 80% da poboación está vacinada porque houbo unha boa estratexia do Goberno central que vostede debería recoñecer", aseverou Caballero, que incluíu a Feijóo e o seu goberno, na que ve "unha sección Vox", entre a "oposición máis desnortada e desleal que existe en España e fóra de España", en alusión á do seu partido a nivel estatal.

Na súa resposta, o líder do PP galego lembrou o seu pasado como responsable da empresa pública Correos para trazar un paralelismo co que, ao seu xuízo, está a ser o papel do Executivo central no proceso de vacinación. "O que fixo o Goberno foi levar as vacinas dun lado a outro. Fin da cita", sentenciou Núñez Feijóo antes de defender que son as comunidades autonómas as responsables da inmunización contra o covid-19 da sociedade española.

POLÉMICA POLO BALEIRADO DE ENCOROS

Outro dos asuntos que centrou o careo entre Feijóo e Caballero foi a polémica polo baleirado dos encoros da conca Miño-Sil, que durante as últimas semanas causou un enfrontamento entre Xunta e Goberno e, por extensión, PP e PSOE sobre a responsabilidade do baleirado por parte das empresas concesionarias da explotación hidroeléctrica das presas.

O presidente dá Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén na sesión de control do pleno do 15 de setembro. DAVID CABEZÓN / XUNTA DE GALICIA / Europa Press
O presidente dá Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén na sesión de control do pleno do 15 de setembro. DAVID CABEZÓN / XUNTA DE GALICIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta