Feijóo tilda de culebrón supostas presións do PP no cese de Pedro J. Ramírez

Asegura que o director de El Mundo foi despedido por decisión do Consello de Administración.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/01/2014 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Houbo un tempo no que o PPdeG foi quen de pechar unha edición en papel de El Mundo en Galicia na que traballaban algúns dos mellores xornalistas que había entón no país. Corría o final da década dos noventa e aquel xornal era moi belixerante coa Xunta, principalmente co ex conselleiro Xosé Cuíña.

Pedro J. Ramírez e Mariano Rajoy cando as realcións entre os dous eran boas
Pedro J. Ramírez e Mariano Rajoy cando as realcións entre os dous eran boas | Fonte: Elconfidencial.com

Contan que súa foi a decisión de iniciar unha cruzada para pechar esta delegación. Unha loita que acabaría gañando coa axuda do aparato do PP de Madrid. Eran anos nos que había moitos cartos públicos para invertir en medios. Sucede o mesmo hoxe, aínda que o diñeiro é, probablemente, a metade do que entón se investía.

Uns anos despois, comezada xa esta década, El Mundo abriu unha nova delegación en Galicia, desta volta, en versión dixital. Trouxo a unha xornalista recén aterrada de Madrid para dirixila e subsistíu, tamén, durante un par de anos. Acabaría pechando en 2012. Contan tamén que, en parte pola falta de viabilidade económica e por falta de axudas da Xunta. O xornal por aquel entón iniciaba un ERE que acabaría con máis de 150 despidos directos e outros tantos colaboradores externos. 

O problema de ser "muy de izquierdas"

O presidente Feijóo estaba tan preocupado polo que publicaba esta edición dixital que mesmo chegou a chamar a Pedro J. Ramírez, director deste medio, para pedir a cabeza dalgúns dos xornalistas que nela traballaban co argumento, entre outros, de que eran "muy de izquierdas". 

E, agora, que Pedro J. Ramírez foi despedido de El Mundo, segundo deixa entrever, por presións do propio Partido Popular, para Feijóo isto é un "culebrón" que non merece nin ser comentado.

O "culebrón" Pedro J. Ramírez

"Non son capaz de facer respostas culebrón... Eu sobre culebrones non falo", suliñou ao ser preguntado por Galicia Confidencial a este respecto. Para Feijó, Pedro J. Ramirez foi e é un "bo xornalista" e, agora, espera que tamén o siga sendo. 

Pero, para Feijóo, a decisión do seu cese non foi do PP, senón do Consello de Administración do Grupo Unidad Editorial, dono do xornal, que, a súa vez está controlado polo grupo italiano RCS Media Group. "Cada quen diante dun Consello de Administración asume as responsabilidades que lle corresponden", dixo.

En todo caso, e segundo varios medios, como El Confidencial, a decisión do grupo de botar a Ramírez ten que ver co seu enfrentamento total coa actual cúpula do PP polo caso Bárcenas, ademais, das perdas millonarias que o Grupo Unidad Editorial tivo nos últimos anos. Ademais, RCS Media Group está buscando comprador e, nesta operación, tamén se lle tería posto prezo á cabeza do xornalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta