Preparando unha alternativa a Feijóo?

Nun prazo breve de tempo, ao longo do presente ano, van ter lugar os Congresos ou Asembleas das organizacións políticas que conforman, actualmente, o Parlamento galego.

Por Xesús Veiga | Compostela | 20/09/2021

Comparte esta noticia
Nos tres casos, concorre un denominador común significativo: o foco da atención mediática está proxectado sobre as circunstancias relativas ao liderado desas forzas e non tanto a respecto das propostas programáticas manexadas nos diferentes conclaves.
 
No caso do PSdG, hai constancia explícita da existencia de sectores do partido que desexan promover -para desempeñar a secretaría xeral- unha candidatura alternativa a Gonzalo Caballero. O que aínda non se coñece é o contido das eventuais diverxencias sobre a folla de ruta que debería seguir, nos vindeiros anos, esta forza política que, dende 2016, deixou de encabezar a oposición a Feijóo na Cámara do Hórreo. Todos os indicios semellan indicar que os socialistas galegos van vivir, nos vindeiros meses, episodios de notábel confrontación interna coas inevitábeis doses dun xogo autodestrutivo que facilitarán a reiteración dos relatos das terminais mediáticas de San Caetano na súa pretensión de colocar a Feijóo como un ser político superior, inmune ás miserias das liortas partidistas.
 
A esta altura da súa historia, no PSdG deberían ter un diagnóstico preciso sobre as fortalezas e as debilidades acumuladas dende o ano 2009 (despois da derrota electoral do bipartito). Non é necesario formar parte desa organización para saber que o relevo de Pérez Touriño non foi a consecuencia lóxica dunha análise demorada sobre as luces e sombras daquel goberno de coalición senón que formou parte dun axuste de contas deseñado polo aparello da sede de Ferraz que naquel momento dirixía Xosé Blanco. As novas equipas dirixentes que se sucederon durante a última década non foron quen de construír un proxecto ilusionante que superara as vellas prácticas cainitas e que, ao mesmo tempo, non caera na tentación de facer un seguidismo inapropiado do labor de Pedro Sánchez na Moncloa.
 
Nos últimos días, Ana Pontón comunicou publicamente a súa decisión de abrir un período de reflexión sobre a eventual continuidade como voceira nacional do BNG ante a vindeira celebración da Asemblea Nacional desa organización. A pesar da evidente congruencia racional de non adoptar semellante tipo de opcións persoais con improvisación ou utilizando criterios superficiais, a sorpresa nos ámbitos políticos e mediáticos foi xeralizada  por non existir expectativas de posíbeis candidaturas alternativas á que representa, actualmente, a dirixente nacionalista. Como é sabido, na historia do BNG ten habido importantes debates internos a respecto das liñas tácticas e das persoas mais apropiadas para encarnar as propostas políticas. Dende 2016, a situación ten mudado na organización nacionalista: non se perciben diferenzas de certa entidade sobre a folla de ruta emprendida e aínda menos sobre a propia figura de Ana Pontón. A que se debe, entón, a posición tomada pola voceira nacional?
 
Non é a primeira vez que, dende a dirección do BNG, se postula explicitamente a pretensión de acadar a presidencia da Xunta de Galiza. No período 1997-2005, a posición hexemónica da organización nacionalista no seo da oposición a Fraga alimentou unha expectativa análoga á que hoxe se coloca enriba da mesa. Daquela, o reto era, tamén, acertar no deseño de propostas, mensaxes e accións capaces de dar credibilidade a esa oferta de goberno e, xa que logo, ampliar o apoio electoral na medida suficiente para culminar con éxito semellante estratexia. A pesar de que, naqueles anos, o BNG ostentaba a alcaldía de tres cidades (Vigo, Pontevedra, Ferrol) e participaba no goberno de outras dúas (Santiago e Lugo) non foi quen de proxectar ese capital nas urnas e só puido acadar unha alianza gobernamental co PSdG nunha posición de socio secundario. En todo caso, a condición necesaria -entón e agora- para pensar nunha alternativa a Feijóo encabezada por A. Pontón require que a estrutura da organización nacionalista asuma, con todas as consecuencias, os pasos concretos que fagan verosímil a posibilidade da consecución de tan ambicioso obxectivo. Os vindeiros meses e anos permitirán comprobar se os plans da lideresa do Bloque atopan resistencias internas e, no seu caso, cal é a dimensión das mesmas.
 
Mentres o PSdG e o BNG tratan de afinar as súas respectivas melodías políticas, no PPdG segue reinando a paz dos cemiterios. Iso si: de vez en cando xorden episodios como a retirada do ex-conselleiro Xesús Vázquez por non aceitar que en Ourense manda Baltar por enriba de calquera outra consideración ética ou estética. Todo un síntoma de como se tratan as diferenzas internas nese partido.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 9 de setembro de 2021. DAVID CABEZÓN
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 9 de setembro de 2021. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.