Temas: SIDRA

"A sidra é a bebida histórica de Galicia"

Entrevista a Jesús Armenteros, fundador de "Lagar de Ribela", unha sidrería da Estrada que en pouco tempo conseguiu vender en Xapón e nos Estados Unidos. Logrouno apostando por un producto 100% galego e ecolóxico, feito a partir de mazás de variedades do país.

Por GCAgro | A Estrada | 03/02/2014 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Jesús Armenteros é unha persoa que transmite entusiasmo polo que fai e polo rural galego. Quizás esta sexa unha das claves do éxito que está a ter a súa sidra "Lagar de Ribela", Móstrase convencido da enorme potencialidade do campo galego para producir sidra, pero iso si, de calidade, apostando polas variedades de mazás do país e mellor en ecolóxico. Subliña que Galicia reúne tanto as condicións de clima como de tradición sidreira. Non en van, a bebida máis popular do noso país ata non hai moitos séculos era a sidra.

Jesús Armenteros nun dos pumares de Lagar de Ribela
Jesús Armenteros nun dos pumares de Lagar de Ribela | Fonte: GC

Como nace Lagar de Ribela?
Lagar de Ribela é un proxecto que leva forxándose desde hai máis de 20 anos, desde que comezamos a facer sidra e a rehabilitar a casa de aldea.
Este proxecto plasmouse no ano 2012 no que chamariamos unha microsidrería, adaptando a nosa vella casa en lagar. Provémonos de nosa propia mazá das leiras de Olives e Ribela,
unhas dúas hectareas, e nos anos de pouca produción, da mazá da Cooperativa Ullama da Estrada, da que somos socios.

Dise que durante a Idade Media Galicia era a maior produtora de sidra dá Península e que ou seu consumo estaba máis popularizado que ou do viño. Tedes constancia disto?

Hai multiples referéncias históricas á existencia dos pumares e a sidra en Galicia, desde Estrabón ata o Codex Calistinus falan diso. O historiador galego Anselmo López Carreira fálanos de que a bebida na Galicia histórica desde a Idade de Ferro, foi a sidra.

En torno ao ano 1000, o viño substitúe á sidra como produto comercial, sendo unha das bases do crecemento das cidades, manténdose a sidra como bebida popular ata a actualidade, moito máis nas zonas non vinícolas, sobre todo na Galicia asturicense, onde as condicións climáticas non permitiron a introdución do cultivo da vide.

Miguel Anxo Murado en Outra idea de Galicia fai referencia igualmente á existencia da sidra na nosa terra e á tala masiva de pumares a favor de plantaciones de viño. Poderiamos falar desde o meu punto de vista dunha dicotomía entre a bebida sacra e a bebida pagana

Sodes das poucas sidrerías que hai en Galicia e das poucas que produce en ecolóxico e con variedades de mazá galegas. Por que o facedes?
Creemos no rural galego. son tempos difíciles, de gran incerteza e isto animounos a volver á orixe, á terra. Iso permítenos gozar enormemente co que facemos desde a leira ao lagar ou o coñecer aos nosos clientes personalmente.

Doutra banda, somos apaixonados da sidra, o que nos permitiu coñecer sidras de todo o mundo.Canto máis sidra coñecemos, máis potencial vemos á nosa mazá. A Estrada é unha zona moi natural e sá, lonxe de ambientes contaminados, polo que reúne unhas características excepcionais para producir de forma orgánica que doutra banda é a forma máis racional de cultivo.

Foi difícil conseguir as variedades de mazairas galegas?
En Galicia hai maceiras dede sempre e plantacións en extensivo desde aproximadamente os anos 90, nas que se plantaban variedades do norte, estándares, buscando un fín comercial. Doutra banda tamén existen variedades nosas como a Rabiosa.

Jesús Armenteros diante do lagar
Jesús Armenteros diante do lagar | Fonte: GC

A dificultade está no descoñecemento e na multitude de terminoloxías, Hai un capital enorme de mazá pero moitas destas variedades teñen unha presenza case anecdótica en leiras e de forma dispersa. Doutra banda,  non hai demasidos estudos, salvo os da profesora Belén Diaz. do campus de Lugo da Universidade de Santiago, que valoren técnicamente este potencial.

Si é difícil atopar esquejes fiables ou enxertos certificados de variedades autóctonas, hai poucos viveristas que se dediquen a iso. No noso caso, todas as nosas novas plantacións son de variedades autóctonas e cremos que esta debe ser a aposta de futuro se queremos distinguirnos
no mercado cun produto diferenciado e de calidade

Que diferenza a sidra galega doutras como a asturiana ou a vasca?
A diferencia de Euskadi e Asturias, en Galicia temos un punto importantísimo: a nosa produción propia pode pasar dos 60 millóns de kgs, e isto nes permite producir sidra con mazá galega na súa totalidade, permitíndonos ter unha gran capacidade de elección das variedades que creemos óptimas.

No noso caso, en Lagar de Ribela o cultivo en ecolóxico,a proximidade dos pumares ao lagar e elixir o momento optimo de maduración permítenos dispoñer dunha materia prima sá e de calidade que é a base dunha boa sidra.

Cales son vos vosos principais mercados?
Galicia, Madrid e Barcelona, algo en Bilbao e en canto á exportación entramos moi bién nos Estados Unidos da man de importadores que nos introduciron á par da cervexa artesá. O pasado mes de xuño en Portland (Maine-Estados Unidos),  no Portland Festival Beer Advocat, a
sidra Ribela deuse a degustar xunto ás mellores sidras e cervexas artesanais do mundo como os prestixiosos belgas Cantillón de Belgica ou Hill Farmsted de Vermont USA.

Isto para nós supuxo un recoñecemento ao noso traballo e permitiunos vir cargados de ideas sabendo que se poden facer cousas coa maior humildade, no sitio máis recóndito de Galicia e poder levalo con gran dignidade a calquera parte do mundo.

Que potencial lle vedes á sidra galega?
A sidra galega ten un bó presente e un gran futuro tanto no mercado interno como externo. Por unha banda, hai un crecemento do consumo de sidra en todo o mundo e ademáis en Galicia contamos cunha gran materia prima, ecolóxica e abundante. O resto será traballo e mérito do lagareiro

Para rematar, hai produtores de mazá dá Estrada que están empezando a padecer unha caída de prezos debido á chegada ao mercado de mazá procedente de países como Rumanía ou Ukrania, onde tanto as extensións como ou prezo dá man de obra son moito máis competitivos.Tedes algunha opinión ao respecto?
A nosa aposta debe ser a calidade e a busqueda dese mercado que valora a calidade.
Hoxe a produción de mazá de sidra, ata da mazá ecolóxica, ten poucas marxes comerciais xa que os custos de produción son altos e o que se paga por ela, ás veces non cubre os
mínimos.

Por iso, como productor de mazá, todo o que se achegue a un mercado digno, demandado para a elaboración de sidra de calidade , que pague prezos reais.... é moi interesante,

Como sidreiros debemos vincular o noso produto á orixe de nosa mazá. En Lagar de Ribela temos claras as ideas do que queremos. O noso criterio é facer unha sidra galega, é dicir, elaborada en Galicia, con mazá certificada galega e iso hoxe conseguímolo e por sorte
os nosos clientes valórano.

Temas: SIDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 esgallo

"Si é difícil atopar ESQUEJES fiables" Esquejes? de verdade, doenme os ollos,a ver se tendes un pouco máis de coidadiño co idioma. Se non estou trabucado, a palabra correcta sería "esgallos".

1 Sr_J

Hai que ter cuidado com o idioma, mas tamém hai que ter respeito cara o entrevistado, e se el empregou a palavra "esqueje" igual nom hai porque traduzi-la...

2 esgallo

Barra libre para os castelanismos e as castrapadas logo, se non é polo respeto ao entrevistado será polo respeto ao xornalista que escribiu o artigo...

3 esgallo

Por certo, coa escusa do respeto ao entrevistado, se iste falase en ruso pola mesma regra do "respeto" non traducimos ao galego, non si?

4 GcAgr0

Desculpas pola gralla. Efectivamente, en galego o correcto é esgallo. Grazas pola vosa aportación. No GC estamos comprometidos coa lingua galega, e polo tanto co seu uso correcto.

3 Pasionaria

Si todos pensaran como este señor...habría menos funcionarias y aspirantes al paro y más trabajo en Galicia.

1 carrilan

El problema es que hay muchos enchufados como tu

2 Galahaz

Agora só falta que se lle peche a billa da mazá galega aos asturianos para producirmos aquí a sidra e venderlla.

1 Alicia Ferreño

Empresa galega que etiqueta en galego. Moitos parabéns a Galicia Confidencial por dar cobertura informativa a este tipo de proxectos emprendedores e centrados no país que moitas non coñeciamos. Agora toca mirar onde se vende e poder consumila.

1 Fjbv

Aquí pódense facer contactos e pedidos http://www.lagarderibela.aestrada.c...