Os grupos políticos empezan a preparar as súas "alternativas" para o debate sobre o estado da autonomía

Previsiblemente, celebrarase a semana do 11 de outubro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/09/2021 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Os grupos políticos da Cámara galega --PPdeG, BNG e PSdeG-- empezan a prepararse para defender ou presentar as súas "alternativas" no debate sobre o estado da autonomía anual que a Xunta pediu que se celebre en outubro e que, previsiblemente, celebrarase a semana do 11 de outubro.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento galego
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento galego | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA.

Será o noveno debate de política xeral, á marxe das sesións de investidura, ao que se presenta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que terá enfronte ao BNG de Ana Pontón e ao PSdeG de Gonzalo Caballero, formacións ambas que teñen senllos procesos internos tamén programados para este outono.

Neste escenario previo, marcado polo ano de pandemia e a desescalada, o portavoz dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, asegurou que a súa formación afronta esta cita política coa "satisfacción do deber cumprido", pero tamén "pensando no futuro e na importancia de tomar decisións correctas para transformar a economía acelerando os cambios que xa se estaban producindo" e que, segundo indicou, hai que "acelerar por mor das necesidades da pandemia".

Na súa intervención, Pedro Puy lamentou que neste primeiro ano de lexislatura marcado pola pandemia os populares "non sempre" se sentisen "acompañados" nin polo Goberno de España nin por unha oposición que "foi basicamente crítica".

OPOSICIÓN

Mentres, Pontón, que hai unhas semanas anunciou un proceso de reflexión persoal sobre o seu futuro na formación frontista, remarcou que, aínda nese escenario, "exerce cada día" a defensa dos intereses dos galegos.

Tras defender, ademais, que a reflexión debe formar parte de todas as persoas nalgún momento da vida, remarcou que acudirá ao debate co obxectivo "claro" de que o BNG é "a alternativa" e ten un "proxecto para dar esperanza aos galegos".

Así as cousas, coa premisa de que Galicia "necesita un cambio", a dirixente nacionalista asegura que se presentará no debate "con fortaleza, con todas as letras e separando planos e espazos".

Pola súa banda, o secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, que comezou a súa intervención cunha mostra de afecto aos afectados pola erupción volcánica na Palma, avanzou que o PSdeG trasladará no debate o seu proxecto de país "mellor para os galegos", con "propostas alternativas" a un Partido Popular que co seu "rodete machuca aos galegos".

"Estamos nun momento moi importante para Galicia e a xestión do PP, despois dun ano de lexislatura, foi errática e incapaz de potenciar a sanidade, a educación e de xerar unha reactivación no que a Xunta sexa un elemento tractor e non simplemente acompañante", sostivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta