Rexeitan o recurso dos mexilloeiros contra o decreto da Xunta de explotación de recursos marisqueiros

Os xuíces descartan que altere "un suposto monopolio dos bateeiros" en favor dos percebeiros.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/09/2021 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto por asociacións de mexilloeiros contra o decreto da Consellería do Mar que regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas. Os bateeiros demandaban a súa nulidade ao entender que modifica o réxime de extracción da semente en roca, imprescindible para o cultivo do mexillón, pois no seu artigo 13.1 establece que "os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón".

Así, na súa demanda aseguraban que os percebeiros serían os que poderían retirar a semente, "en prexuízo dos titulares de establecementos de cultivo de mexillón, que tradicionalmente eran os facultados para a extracción". Con todo, segundo informa o TSXG, a sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo afirma que "non é certo" que o decreto altere "un suposto monopolio anterior dos bateeiros sobre a extracción para atribuírllo en exclusiva aos percebeiros".

Os xuíces subliñan que se limita a introducir unha previsión sobre o posible contido dos plans de xestión de recursos marisqueiros para aqueles casos de coexistencia de ambos os recursos nos mesmos bancos naturais. A consellería, despois da emisión dos correspondentes informes técnicos, será a encargada de aprobar eses plans de xestión, "polo que queda descartado o risco de atribución dun dereito de veto en exclusiva ao colectivo de percebeiros".

REXEITAN OS ARGUMENTOS

Ademais, os maxistrados advirten de que "calquera extralimitación ou desproporción terá que ser xulgada, caso a caso, en función das medidas que cada plan aprobe". "En conclusión, non é certo o alegado na demanda de que se deixa na man dos percebeiros a posibilidade real de permitir ou non a extracción de semente de mexillón en bancos naturais".

"Os plans de xestión teñen unha fase de proposta e, tras a pertinente tramitación, sométense á aprobación da Consellería do Mar", subliña o TSXG, á vez que lembra que, co réxime normativo preexistente sobre a extracción da semente de mexillón, que non se derroga, a Xunta é tamén "a competente para seguir resolvendo sobre as solicitudes de extracción que fagan os concesionarios de bateas".

Mexillóns galegos
Mexillóns galegos | Fonte: juantiagues en Flickr - CC BY-SA 2.0

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta