A Xunta cualifica as prórrogas da AP-9 como "decisións do pasado" mentres espera a posición do Estado

A conselleira Ethel Vázquez apuntou que esas decisións deben ser interpretadas en función do momento en que foron aprobadas e sinalou que "se cadra" serían cuestións que, na actualidade, "non se adoptarían".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2021 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestrutruas e Mobilidade, Ethel Vázquez, encadrou en "decisións do pasado" as prórrogas das concesións da explotación da autoestrada AP-9 e mostrouse "expectante" ante a posición que adopte o Goberno estatal tras a apertura dun expediente por parte da Unión Europea sobre a última prórroga, outorgada no ano 2000 polo Executivo central durante a etapa na Moncloa do popular José María Aznar.

Cuestionada respecto diso tras participar nun encontro en Santiago, Vázquez incidiu en que as prórrogas, tanto a adoptada polo Goberno en 1994 como a posterior concedida seis anos máis tarde, foron tomadas "hai moito tempo" e por "distintos partidos políticos" no Executivo estatal.

A conselleira apuntou que esas decisións deben ser interpretadas en función do momento en que foron aprobadas e sinalou que "se cadra" serían cuestións que, na actualidade, "non se adoptarían".

"A situación actualmente é distinta. Se hoxe tivésemos que decidir non fariamos obras con cargo ás peaxes", afirmou Vázquez, que reiterou que as dúas ampliacións producíronse con diferentes formacións no Goberno, a primeira co PSOE e o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, como responsable de Infraestruturas e a segunda co Partido Popular de José María Aznar.

Foi esta última prórroga a que cuestiona o expediente aberto pola UE tras unha denuncia presentada pola asociación En Colectivo, que tamén puxo o foco sobre a prolongación do ano 1994. En concreto, segundo figura na información comunitaria, o Executivo europeo considera que a última ampliación da concesión da AP-9, que estenderá as peaxes ata 2048, non se fixo de acordo á lexislación europea.

Tanto a duración como o alcance da concesión están baixo a lupa de Bruxelas, xa que a regulación comunitaria establece que a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante concurso público. Desta forma dáse a oportunidade ás empresas interesadas a optar á concesión, promovendo un mellor servizo ao menor prezo.

Para corrixir isto, Bruxelas espera que as autoridades españolas saquen a renovación da AP-9 a concurso público, o que debería facerse ao acabar a vixencia da concesión, en lugar de prorrogarse.

Así as cousas, Vázquez emprazou a coñecer o posicionamento do Estado sobre o expediente das autoridades comunitarias, xa que, ao seu xuízo, será a postura do Goberno a que determine as "consecuencias" que teña na práctica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: XOAN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Para ser conselleira de Infraestrutruas e Mobilidade, Ethel Vázquez non parece estar moi informada da última PRÓRROGA da concesión a Vitrasa en Vigo ! Levamos nin se sabe o tempo coa mesma empresa, co billete urbano máis caro de Galicia 1,36 € e este decembro pasado 2021 Abel Caballero decidiu unilateralmente PRORROGAR a Concesión á mesma empresa ! Ogallá Bruxelas meta man nesta práctica habitual na España das Trapalladas ! Polo que se vé aquí ninguén quere recoñecer o que é OBVIO !