Temas: OURENSE BALTAR PP

Baltar, reelixido presidente do PP de Ourense co 99,24% dos votos

Obtivo 657 votos a favor dos 662 emitidos polos compromisarios.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 26/09/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

José Manuel Baltar foi reelixido presidente do PP de Ourense co 99,24% dos votos emitidos no 18º Congreso Provincial. Na súa intervención tras a proclamación dos resultados, fixou a vista nas eleccións municipais de 2023 para vaticinar que os populares gañarán "en todos os concellos" e recuperarán "a maioría absoluta na Deputación".

O presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, Manuel Baltar | Fonte: Deputación de Ourense.

Baltar obtivo 657 votos a favor dos 662 emitidos polos compromisarios que acudiron a este conclave celebrado no Pavillón Paco Paz da cidade das Burgas. Os cinco restantes foron votos en branco. "Intúo que son dos membros da mesa para manter a súa independencia", subliñou o presidente provincial, convencido do apoio unánime da súa formación.

"Esta porcentaxe é un apoio que vai parello ao que significa este proxecto político para Ourense", apuntou, antes de avanzar que esta reelección é "unha nova etapa para o Partido Popular".

No Congreso estivo arroupado polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polo secretario xeral do Partido Popular Nacional, Teodoro García Egea, e o presidente murciano, Fernando López Miras ademais doutros dirixentes do partido como presidente provinciais ou alcaldes e alcaldesas. "Iso deulle formato de convención nacional", sostivo Baltar.

No seu discurso, o tamén presidente da Deputación trasladouse á data do 30 de xaneiro de 2010, cando saíu elixido por primeira vez sucedendo o seu pai, José Luís Baltar, quen tamén estivo presente no Pazo dos Deportes.

"Non fun reelixido, fun elixido. É un volver empezar, hoxe non acaba todo, hoxe empeza todo. Voume esquecer do anterior", dixo, para seguidamente expresar que foi unha etapa "repleta de éxitos electorais, de porcentaxes nalgúns casos escandalosos, ciencia ficción para outras formacións políticas".

ELECCIÓNS MUNICIPAIS, NO CALENDARIO

Así mesmo, proclamou que o PP de Ourense "significa aspirar ao máximo". Tanto é así, que os asistentes ao Congreso recibiron un calendario do ano 2023 coa data do 28 de maio, día no que se celebrarán as eleccións municipais, marcada.

"Quedan 609 días e nesa cita o PP gañará en todos os concellos da provincia e na entidade menor de Berán. Ademais teremos a maioría absoluta na Deputación", vaticinou.

"Somos o partido de Ourense porque gañamos sempre, porque obtivemos resultados históricos. Hai equipo e hai Ourense", dixo a continuación.

Deste xeito, repasou as "marcas electorais" --o máximo está fixado en 72 alcaldías-- para marcarse o reto de batelos en 2023. "Con este Comité Executivo e cos 30.000 afiliados na provincia imos celebralo o 20 de maio de 2023 pola noite", garantiu.

Con todo, Baltar rexeitou que isto implique que a historia "se repita", senón que o Congreso Provincial deste domingo é "o nacemento dunha nova etapa".

Así mesmo, o recentemente reelixido líder do PP concluíu con con tres mencións: "Aos maiores porque Ourense ten unha das mellores esperanzas de vida xunto con Okinawa --en Xapón--, ás novas xeracións porque son o futuro e aos emigrantes, porque este é o seu partido".

Así, concluíu citando que Martin Luther King tiña un soño, "pero o PP de Ourense está a piques de tocalo cos dedos".

Temas: OURENSE BALTAR PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ummmm eses 5 votos díscolos, anticipan un Amio no PP de Ourense !