O PPdeG rexeita reducir a precariedade no sector público porque é "lexislación básica do Estado"

Feijóo e Puy non participan na votación por entrar no hemiciclo despois dq ue o presidente do Parlamento xa ordeara a votación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O Parlamento galego rexeitou tomar en consideración unha iniciativa lexislativa popular (ILP), defendida polo sindicato CUT, que buscaba reducir a temporalidade no emprego público. Non saíu adiante polo voto en contra do PPdeG, quen defendeu que é unha materia que é "lexislación básica do Estado", mentres BNG e PSdeG mostráronse a favor.

A encargada de presentar a postura dos populares foi a deputada Paula Prado, quen avogou por "esperar a que o Goberno de España lexisle sobre a consolidación de emprego no sector público", tendo en conta que hai unha lei similar que se atopa en tramitación no Congreso, para logo poder "aplicar esta normativa en Galicia".

A responsable da área de Emprego Público de CUT, Andrea Estévez, interveu no pleno para defender a iniciativa e alertar ante os "traballos precarios e ruinosos" que "acumulan" os interinos de sectores da Administración galega, entre eles sanitarios, docentes e empregados do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

Neste contexto, explicou como esta central de traballadores "logrou nun tempo marca e con horas de traballo militante" reunir as 10.000 firmas necesarias para presentar a ILP na Cámara autonómica, tendo en conta que os diferentes gobernos non "foron capaces de controlar o mal endémico" do sector público galego.

"Esta iniciativa é o mecanismo que o Estatuto de Autonomía nos deixa para impulsar unha lei cando o Parlamento mostra desidia polos problemas dos cidadáns", lamentou. Con todo, a responsable de CUT avanzou que os traballadores non abandonarán as rúas "mentres un só" deles "siga en condicións de precariedade".

NON SE FIXO "NADA" EN 20 ANOS

Por parte do BNG, Iago Tabarés explicou que esta situación é culpa da "falta de transposición" de normativas europeas "durante 20 anos". A isto hai que sumar unha coñecida sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) ditada en marzo de 2020 que condenaba o abuso da temporalidade en España.

"E que fixo o Estado español? Nada. Que fixo a Xunta? Nada", criticou o deputado nacionalista, quen tamén censurou que non se coñezan os datos oficiais sobre a temporalidade na Administración galega porque o Portal de Transparencia "non se actualiza desde xuño de 2020".

Deste xeito, a oposición só expuxo os datos que ofrecen as organizacións sindicais. A deputada do PSdeG Pomba Castro cifrou no 30% a temporalidade no sector público galego, cando a Administración Xeral do Estado ten "unha taxa do 24,3%". En calquera caso, son cifras "lonxe do 8% que recomenda a UE".

Iso si, a socialista destacou que, tras a sentenza do TJUE, o Goberno de España "entendeu como prioritario este problema e levou a cabo un duro traballo este ano" co Real Decreto-Lei 14/2021 para reducir a temporalidade do emprego público e a lei que se atopa en trámite no Congreso.

"PROBLEMAS DE LEXISLACIÓN BÁSICA DO ESTADO"

Finalmente, Paula Prado (PPdeG) explicou que o 'non' do seu grupo, que ostenta a maioría absoluta, débese a que o problema de "temporalidade excesiva no sector público galego débese, principalmente, a problemas de lexislación básica do Estado".

FEIJÓO E PUY, SEN VOTAR

Esta ILP quedou rexeitada con 39 nons do PPdeG, pero o momento da votación suscitou a polémica na Cámara e xerou as queixas da oposición porque o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, accederon ao hemiciclo unha vez que xa fora ordenada polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.

O artigo 85 do regulamento do Parlamento recolle que as votacións "non poderán interromperse por causa algunha". Engade que durante o desenvolvemento dunha delas, a Presidencia non concederá o uso da palabra e "ningún deputado poderá entrar no salón nin abandonalo salvo caso de forza maior e coa venia da Presidencia".

Así, as queixas producíronse con especial intensidade por parte do Grupo Socialista, verbalizadas por Pablo Arangüena, mentres que Miguel Santalices xustificou que se manteñan as portas abertas durante as votacións debido á situación da pandemia do coronavirus --do mesmo xeito que ocorre coas da tribuna, onde este martes volveu haber convidados á primeira hora--.

"Se non, saben vostedes que as mando pechar de inmediato", continuou Santalices, quen aclarou, en todo caso, que nin o presidente galego nin o portavoz podían participar na votación. "Pero eu non vou impedir a ninguén que entre e sente", esgrimiu. Así, tanto o presidente como o portavoz do PPdeG seguiron a votación desde o seu escano, pero non participaron na mesma seguindo a directriz do xefe do Lexislativo.

Traballadores do sindicato CUT protestan ante o Parlamento de Galicia para pedir a aprobación dunha iniciativa lexislativa popular para reducir a temporalidade no sector público.
Traballadores do sindicato CUT protestan ante o Parlamento de Galicia para pedir a aprobación dunha iniciativa lexislativa popular para reducir a temporalidade no sector público. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta