O Parlamento pide á Xunta unha liña específica de axudas por ataques do lobo a gandaría extensiva

Demanda tamén que o servizo de Xenética Fontao de seme para seleccionar o sexo de tenreiros se poña a disposición de explotacións.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/10/2021 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou pedir, por unanimidade --tras unha proposta do BNG transaccionada--, á Xunta unha liña específica de axudas no marco do ecoesquema de pastoreo extensivo no novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2021-2027 cun pago compensatorio pola súa coexistencia con grandes carnívoros como o lobo e o oso.

Gando atacado por lobos
Gando atacado por lobos | Fonte: Europa Press.

Así mesmo, demanda ampliar o prazo de xustificación das axudas desde que se comunica a aprobación da subvención ata que se presenta a conta justificativa co gasto.

Igualmente, chámase a estudar estratexias para unha comercialización de carne de poldro que ofreza prezos rendibles, así como estratexias de mercado para a venda de carne de vacún en extensivo.

Durante o debate, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), chamou a corrixir "os enormes erros cometidos no pasado pola Consellería respecto das ordes de axudas".

Con todo, quéixase de que os populares impedisen que prosperase a petición do Bloque relativa a que se outorguen as axudas sen a "obriga de identificar os restos", ademais de incluír nas compensacións o lucro cesante.

SERVIZO DE SEME PARA EXPLOTACIÓNS

Noutra orde de cousas, nesta comisión tamén saíu adiante por unanimidade --neste caso unha proposta do PP-- outra iniciativa, a demanda á Xunta para que poña a disposición das explotacións gandeiras galegas o servizo da empresa pública Xenética Fontao de seme que permite elixir o sexo do tenreiro.

O deputado popular Daniel Vega subliña que esta técnica "permitirá a Galicia avanzar na produción de leite e unha maior rendibilidade para o sector".

Destaca que esta tecnoloxía permite seleccionar o sexo da descendencia, coa garantía nun 90% dos casos a obtención de tenreira de alta xenética.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta