Pontón e Caballero alertan da deriva " ideolóxica" do PP "máis ultra da historia" tras a Convención Nacional

Puy (PPdeG) nega as críticas e reivindica o evento para demostrar que hai "unha alternativa de Goberno" a Sánchez "sólida, unida e apoiada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Os dous partidos da oposición en Galicia, BNG e PSdeG, móstranse preocupados ante o que consideran unha "deriva ideolóxica" do PP "máis ultra da historia", despois da Convención Nacional que celebraron os populares a nivel estatal a pasada semana e que concluíu o domingo en Valencia.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, cargou na súa rolda de prensa habitual dos luns contra un evento onde se dixo "que o importante non é votar en liberdade" --en referencia ás polémicas declaracións do escritor Mario Vargas Llosa-- e que "se quere retroceder en dereitos sociais e no autogoberno" de Galicia. Esta Convención, advertiu a líder da oposición galega, demostrou que o actual PP é "o máis ultra da historia".

"O programa do señor Casado é un programa de centralización e iso explica por que levamos (en Galicia) 12 anos sen ningunha nova competencia", dixo Pontón, para seguidamente lamentar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estea "a seguir de corrida ese proceso de centralización, de recorte de dereitos e de recorte de liberdades".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu a Feijóo que "deixe o postureo" de "dicir que quere cambiar o Goberno de España desde a moderación" cando está ligado á "á da ultradereita" do Partido Popular que, di, representan o líder do partido, Pablo Casado, e a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

Para Caballero, a Convención Nacional do PP celebrada ao longo da última semana constata a "travesía cara á extrema dereita" dos populares a través dun "rearmamento ideolóxico" cara a "a posición máis conservadora, de dereitas e de conflito co Goberno de España" que os "asimila" a Vox.

(I-D) O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o líder do PP, Pablo Casado; e o expresidente Rajoy, na Convención Nacional do PP celebrada en Santiago de Compostela, a 27 de setembro de 2021.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
(I-D) O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o líder do PP, Pablo Casado; e o expresidente Rajoy, na Convención Nacional do PP celebrada en Santiago de Compostela, a 27 de setembro de 2021.. Álvaro Ballesteros - Europa Press


PUY DEFENDE A CONVENCIÓN

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, mostrouse moi en desacordo coas críticas da oposición e aproveitou a súa rolda de prensa dos luns para "valorar moi positivamente" a Convención Nacional.

Destacou tres aspectos concretos. O primeiro deles, a participación de "100 expertos plurais" neste evento, que eran "non só militantes" senón que tamén "procedían doutras formacións". "Houbo moito debate de ideas, moita pluralidade e unha boa base para que o PP estableza as prioridades para o futuro", explicou Puy.

Ao fío diso, o portavoz dos populares no Parlamento agradeceu a Casado a súa "clara referencia á crise do sector electrointensivo", que "propicia a crise industrial de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta