Chamada de atención a Pontón: os arredistas insisten na "organización" e non en reproducir "debates pasados"

O Movemento Arredista tamén aposta por unha República Galega, pola autodeterminación e por aprender do procés catalán para emanciparse do Estado "superando ambigüidades que poidan confundir ao colocar unha eventual reforma estatutaria como aspiración da Fronte".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/10/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

"O reforzo da organización (que vai moito máis lento que o reforzo en votos) debe ser unha prioridade desta nova fase, habilitando ferramentas para a participación non só nominal de todas aquelas persoas que nos últimos tempos ollaron con simpatía para o soberanismo. Cómpre pór en valor o corpo militante do BNG". É unha das reflexións que fai o Movemento Arresdista, un grupo de militantes organizados da organización frontista, escorados cara o soberanismo, que ten claro que a organización é prioritaria fronte aos personalismos ou lideratos únicos. Unha clara advertencia dentro do proceso de "reflexión persoal" iniciada por Ana Pontón.

Ana Pontón, na XVI Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego
Ana Pontón, na XVI Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego | Fonte: BNG.

 

No documento "Ideas para fortalecer o BNG: debater, organizar e mobilizar desde o soberanismo e a esquerda" que este grupo trasladará as distintas asembleas comarcais do BNG de cara a XVII Asemblea Nacional que terá lugar o vindeiro 7 de novembro na Coruña, destaca que a dirección nacionalista debe favorecer unha maior implicación que "permita converter a base do BNG non só nunha extensa rede de afiliados, senón sobre todo de militantes e activistas sociais, con todo o que iso implica".

 

Por iso, insisten, o BNG tamén debe ser quen de pór en primeiro plano "un dos seus principais valores, que o singularizan fronte ás forzas sistémicas ou de éxito efémero: o valor do colectivo, das tarefas colexiadas e da pluralidade de voces e caras públicas". Unha clara alusión a evitar protagonismos dentro do Bloque como suxeriu a recente decisión de Ana Pontón de reflexionar sobre o seu papel na formación frontista. "O noso avance non debe depender das persoas que nos representen en cada momento, senón sobre todo do traballo mancomunado", advirten. "No futuro poderemos acertar ou errar, mais a mellor garantía á hora de potenciar eses atinos ou corrixir as fraquezas é que as decisións sexan tomadas colectivamente, nos espazos democráticos que construímos entre todas", indica.

 

ALERTA SOBRE OS PODERES MEDIATICOS

 

Neste sentido, lembran que hai que repetir "nefastas tentacións do pasado, como a de utilizar os medios de comunicación do sistema como palanca privilexiada para condicionar as posicións nos debates internos do BNG", en alusión á ruptura do BNG na asemblea de Amio en 2012 e a participación activa de determinados dirixentes do Bloque, incluída a propia Ana Pontón, en tribunas de opinión de xornais como La Voz de Galicia.

 

"A lealdade á organización, que non é outras cousa que lealdade á súa militancia e aos procedimentos democráticos, debe guiarnos a todas as que, desde posicións diferentes, confluímos no proxecto BNG. Cremos que os últimos anos amosaron a vixencia do modelo frontista como o máis adecuado para recoller a pluralidade do soberanismo, e é nese marco que as diferentes perspectivas deben expresarse", recolle o documento.

 

Por iso, os arredistas insisten no fortalecemento dun movemento popular arredor de ferramentas como Vía Galega, o impulso de centros sociais, e expansión da rede de escolas Semente, a aposta por un feminismo "autocentrado cunha axenda nidiamente galega coordenado e aliñado a nivel nacional en chave soberanista", o antifascismo e a recuperación da memoria histórica. 

SOBERANISMO 

No seu documento, este grupo de militantes insiste na autodeterminación como vía de "emancipación nacional" que é entendida "non como un horizonte de máximos, senón como un mínimo democrático do que debe partir calquer proposta, mesmo táctica, nesta fase". Por iso, alertan da necesidade de "superar ambigüidades que poidan confundir ao colocar unha eventual reforma estatutaria como aspiración da Fronte". "Un eventual debate sobre un novo status para o noso pobo debe servirnos precisamente para pór sobre a mesa a alternativa soberanista e facela avanzar social e institucionalmente, nunca para crear expectativas de reformar o que xa sabemos que é irreformábel", recolle o texto.

 

Neste sentido, os arredistas apuntan á experiencia catalá, "que deixa moitas aprendizaxes positivas e negativas" para que "sen mimetismos", se incorporen á "táctica e estratexia política" do BNG. "O esgotamento definitivo do autonomismo, a inevitabilidade da desobediencia e a conseguinte represión que haberá que saber enfrentar ou a necesidade da activación popular como vía de ruptura democrática son algunhas delas, e non poderemos obvialas de aquí en diante", sinalan. Podes consultar todo o documento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eric

La secta dentro de la secta upegalla. Representatividad:0