Os hostaleiros lamentan a "falta de valentía" da Xunta para aumentar os aforamentos ao 100%

Celebran a suba ata o 90% pero recordan que noutras comunidades "con peores datos sanitarios" xa se funciona a pleno rendemento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O presidente da Federación de Hostaleiros de Galicia, Cheché Real, lamentou a falta de "valentía" que, ao seu xuízo, tivo a Xunta por non permitir o incremento dos aforamentos ata o cento por cento. Tras coñecerse o pasado martes a decisión da Administración autonómica de fixar no 90% o aforamento na hostalaría a partir do sábado, o tamén presidente dos hostaleiros de Lugo deu a benvida á medida aínda que considera que poderían darse un paso máis.

"Congratulámonos porque todo o que sexa abrir espazos e aforamentos é importante. Penso que á Xunta faltoulle valentía para abrir ao cento por cento que é o que levamos perseguindo desde hai un mes e que é o que nos permite as nosas licenzas", sinalou Real. "Isto non é unha saída de ton, porque nós recoñecemos o esforzo da Xunta xunto connosco que levamos negociando todo desde hai un ano", engadiu para, a continuación, expresar que o sector "non" entende as razóns polas que non se permite aínda aos establecementos operar ao máximo da súa capacidade por licenza.

Así, advertiu que o sector loitará por "non ser menos" que outras comunidades, "incluso algunha con datos sanitarios peores" e que operan "desde hai unha semana" coa totalidade do aforamento. "Non entendemos por que unha vez máis cargan contra o sector da hostalaría e o turismo, que entendemos que isto é unha nova apertura pero séguese con restricións", criticou.

Real revelou que "nesta ocasión" chamáronlle a el para comunicarlle estas novas limitacións, "pero non se convocou unha reunión co sector como viña facendo desde hai un ano para acordar as medidas". "Se nos convocaron diriámoslles o mesmo de apertura ao cento por cento dada a situación epidemiolóxica", concluíu o presidente da Federación de Hostaleiros de Galicia.

Unha barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press
Unha barra dun bar coruñés. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta