Carpinteiros de Ribeira defenden facer da construción naval en madeira un "proxecto de país"

A Asociación Gallega de la Carpintería de Ribeira afirma que, cunha pegada de carbono preto de cero e unha reciclaxe do 100% das pezas, os barcos bateeiros de madeira son un exemplo de bioeconomía circular.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/10/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O presidente de Agalcari (Asociación Gallega de la Carpintería de Ribeira), Ramón Collazo Mosquera vén de defender que a construción naval en madeira “debería ser un proxecto de país”, pois “o incentivo á construción destes barcos favorece unha silvicultura sustentable nos montes galegos, ao tempo que impulsa dous sectores estratéxicos para Galicia como son a industria forestal e a industria do mar”.

Visión das costelas dun bateeiro de madeira.
Visión das costelas dun bateeiro de madeira. | Fonte: remitida

No audiovisual “Bateeiros de madeira, un exemplo de bioeconomía circular”, Fearmaga e a asociación Agalcari explican as vantaxes da construción de embarcacións en madeira así como o coñecemento que atesouran os carpinteiros de Ribeira no deseño e construción destas embarcacións.

Os barcos bateeiros son “a última aportación de tipoloxías de embarcacións que realizaron os

carpinteiros de Ribeira ao riquísimo patrimonio marítimo flotante de Galicia”, segundo explica Ramón Collazo nesta colaboración con Fearmaga. Ademáis, “son barcos cunha pegada de carbono moi preto de cero e non presentan problemas para o despezamento, xa que o 100% das pezas son reciclables”, subliña.

O 70% DAS PEZAS PROVEÑEN DOS MONTES GALEGOS

Nun barco bateeiro de madeira o 70% das pezas proceden dos montes galegos e o 30% da importación. As cadernas do barco, coñecidas como “costelas” fabrícanse en madeira de carballo. No interior da estrutura do barco utilízase o eucalipto para varios reforzos lonxitudinais, unha viga central que vai encabillada á quilla e ás cadernas, e tamén nos palmexares que son pezas encargadas de reforzar a estrutura en forma de costela da embarcación.

A estrutura externa do bateeiro vai forrada de madeira, dende o varadoiro cara abaixo o bateeiro vai recuberto de pino do país, “porque se comporta moi ben coa salinidade da auga e resiste o paso do tempo”. Por último, onde se intercambia a auga doce coa salgada, “dende hai uns anos úsanse madeiras de importación coma a London”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta