Traballadores de ElectroRayma impiden durante case dúas horas o acceso a Navantia Ferrol

Esta acción de protesta desenvolvérona dentro do calendario de mobilizacións que teñen aprobado en asemblea para demandar solucións ante o risco de que esta compañía poida verse abocada á desaparición.

Por E.P. | Ferrol | 08/10/2021 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

Traballadores da empresa auxiliar ElectroRayma impediron durante case dúas horas, entre as 5,15 e 7,00 horas, deste venres, 8 de outubro, o acceso ao estaleiro de Navantia Ferrol, ao colocarse en ambas as portas para impedir así a entrada tanto dos operarios da empresa principal como das compañías.

Na zona formáronse longas colas de vehículos que dificultaron a circulación, pero sen ningún incidente. Esta acción de protesta desenvolvérona dentro do calendario de mobilizacións que teñen aprobado en asemblea para demandar solucións ante o risco de que esta compañía poida verse abocada á desaparición, ante a difícil situación financeira que está a atravesar.

E é que a dirección de ElectroRayma presentou unha demanda xudicial na que lle reclama a Navantia ata 4,7 millóns de euros polos traballos realizados nos dous buques do tipo AOR construídos no estaleiro de Ferrol para a Armada de Australia.

CANTIDADES

Así, existen diferenzas entre ambas as sociedades na cantidade, xa que a auxiliar pide que se lle pague os modificados que se foron realizando segundo foi avanzando a obra, cantidades na que non está de acordo a empresa naval, que recoñece que ten pagos pendentes coa subcontrata, pero discrepa das cantidades reclamadas.

Pola parte social, lembran que ElectroRayma débelles a paga extraordinaria de verán e reclaman que Navantia abone polo menos a cantidade económica que recoñece que debe, para evitar máis tensións financeiras.

Este mércores e xoves, días 6 e 7, os traballadores recibiron o apoio de todos os grupos municipais e dos gobernos dos concellos de Ferrol e Narón, con cuxos integrantes se reuniron os integrantes do comité de empresa.

Os traballadores de ElectroRayma impiden durante case dúas horas o acceso a Navantia Ferrol.. CEDIDA/EP / Europa Press
Os traballadores de ElectroRayma impiden durante case dúas horas o acceso a Navantia Ferrol.. CEDIDA/EP / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta