A concelleira Moure contradí a Jácome e afirma que as termas non teñen data de reapertura

Permanecen pechadas desde o pasado 13 de Marzo de 2020.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 18/10/2021 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo unha reunión coa Concellaría de Termalismo para avanzar na reapertura das termas que el mesmo prometeu para o 1 de decembro. Por parte do Partido Popular, que leva a área de termalismo, censuran que "non está para fixar datas firmes".

Piscina Termal As Burgas, Ourense
Piscina Termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

As termas permanecen pechadas desde o pasado 13 de Marzo de 2020, primeiro por mor da pandemia e, a continuación, pola nova Lei da Xunta de Galicia. Esixe a adaptación dos vasos de baño para que se realice unha renovación da auga cada catro horas; unha actuación que está pendente da autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil por atoparse en dominio hidráulico e zona inundable.

Con todo, Pérez Jácome asegurou a semana pasada que "baixaría á area" para cambiar a situación pondo como data fixa da reapertura o 1 de decembro. "As termas abrirán si ou si o 1 de decembro, dous días antes de que se acenda a iluminación de Nadal", sinalou.

Polo seu lado, Flora Moure, a edil de termalismo, comunicou este luns que a súa Concellaría "non está para fixar datas firmes, senón para traballar en ter unha solución firme e segura".

"Transmitímoslle ao alcalde que non queremos previsións de datas que non sabemos se se poderán levar a cabo", trasladou, para manifestar que "en ningún caso se saltará" ningún requisito legal.

Deste xeito, fixo saber que se traballa na reapertura "provisional e inmediata" das termas mentres non se complete a adecuación á nova normativa autonómica.

Anunciou que unha solución temporal que permita a reapertura "é posible" mentres leva a cabo a execución de todos os proxectos pendentes, "de acordo coa disposición transitoria da lei" porque o Concello cumpriu en tempo e forma coa presentación dos proxectos de regularización na Xunta de Galicia.

Ademais, Moure expuxo que solicitarán a excepción de "determinados requisitos que son de difícil ou imposible cumprimento" para que se poida avanzar na reapertura. Así fixo referencia á petición da Xunta de Galicia dun peche perimetral de metro e medio que pretenden substituír por un sistema de vixilancia e control.

"Aquí estamos para traballar e para sumar, non estamos para discusións, é un tema que nos interesa a todos. O éxito de abrir as termas vai ser un éxito para a cidade", sentenciou a concelleira, para aludir a que, cumprindo os requisitos da Xunta "aos poucos" o termalismo será "dunha calidade excepcional cunhas augas que xa de seu son excepcionais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta