A Xunta aprobou a explotación dunha mina radioactiva sen pedir os estudos obrigados por lei

A mina de San Finx comezou a operar en 2009 sen que a Xunta reclamara estudos sobre a radiación na zona. Así o vén de certificar o Consello de Seguridade Nuclear, como denuncia Ecoloxistas en Acción, que cifra en 30 os traballadores potencialmente afectados por xacementos de uranio dos que xa se alertou nos anos 80.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A sombra da mina de San Finx, un dos proxectos mineiros máis polémicos dos últimos anos, segue perseguindo á Xunta de Galicia. Unhas xornadas atrás, a plataforma Ecoloxistas en Acción denunciaba o achado de xacementos de uranio na explotación de Lousame, unha presenza que xa fora apuntada nos anos 80 e que agora viría de certificar unha investigación da Universidade de Oviedo.

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A plataforma solicitou entón á Xunta que desenvolvera un estudo radiolóxico como parte da avaliación de impacto ambiental "preceptiva" para a mina. As demandas da plataforma veñen de ser escoitadas pero non pola administración autonómica senón polo Consello de Seguridade Nuclear, un ente estatal que vén de dirixirse á Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Urías, para que lle remita o nomeado estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx.

"Ecoloxistas en Acción remitiu no seu día este estudo [da Universidade de Oviedo] tanto á Xunta como ao Consello de Seguridade Nuclear, mais o departamento que dirixe Paula Urías nada fixo ao respecto", detallan dende a plataforma. Segundo apuntan dende as mesmas fontes, a Directora de Protección Radiolóxica do CSN alertou tamén á Xunta de que está incumprindo o regulamento de protección sanitaria contra as radiacións ionizantes, aprobado en 2001.

"A pesar de que o regulamento establece que a minería subterránea e a producción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiolóxicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións, nin cando aprobou o proxecto de explotación da mina en 2009 nin cando esta reiniciou a actividade en 2015 da man da actual concesionaria Valoriza Minería", destacan dende a plataforma.

ATA 30 TRABALLADORES AFECTADOS

De aí que o CSN solicite agora á Xunta de Galicia que “requira á empresa responsable o estudo radiolóxico correpondente ao período en que esta explotación estivo en funcionamento e o remita ao CSN para a súa avaliación”. Todo vén despois de que en 2009, din dende Ecoloxistas, a mina se puxera en funcionamento sen unha avaliación de impacto ambiental. O período de actividade chegou ata 2013, e máis tarde entre 2015 e 2018.

Dende entón véñense denunciando múltiples vertido a aldeas próximas, pero está por ver o posible impacto dos materiais radioactivos sobre a contorna. Tamén se descoñece o número exacto de traballadores que puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio, mais desde Ecoloxistas en Acción calculan que poden ser unhas 30 persoas, considerando que o proxecto de explotación vixente contempla un cadro de 12 traballadores.

A XUNTA SOLICITA O INFORME

Pola súa banda, o Goberno galego confirmou a Europa Press que xa solicitou o informe pertinente á empresa concesionaria, a quen corresponde entregalo. Segundo explicaron desde a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, recibiron o requirimento hai poucos días e esperan pola notificación da empresa "aínda en prazo".

A Xunta recalcou que é a empresa a que debe elaborar os informes cos datos de se se cumpren ou non as cotas de radiación e demais parámetros sanitarios e, unha vez en mans do Executivo autonómico, estes envían unha copia ao CSN. Ademais, lembran que as medicións só son obrigatorias se se exceden certos parámetros que poidan resultar prexudiciais para a saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta