Activado o plan anticontaminación de Galicia por unha vertedura "considerable" de gasóleo tras incendiarse un barco en Muros

Dous pescadores resultaron feridos polo accidente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

A Xunta activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), no seu nivel medio, por unha vertedura de gasóleo de "tamaño considerable" ocasionado polo incendio e posterior afundimento do 'Nueva Mariña', ocorrido de madrugada en Muros e polo que dous mariñeiros tiveron que ser rescatados. Ademais, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dirixiu un escrito ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para solicitar a activación do Plan Marítimo Nacional, que efectivamente se puxo en marcha "en fase de alerta", tal e como informa a Xunta nun comunicado.

Gardacostas de Galicia traballa na zona desde primeira hora coa patrulleira 'María de Pazos', da base de Portosín, despois de ser notificada do incidente. Tamén permanece no lugar co patrulleiro 'Mar de Galicia', facendo tarefas de dispersión mecánica "ante o tamaño considerable" da vertedura. Así mesmo, o servizo autonómico solicitou a Salvamento Marítimo "todos os medios dispoñibles" na zona para evitar que a mancha de hidrocarburos chegue ás praias galegas nas próximas horas.

DOUS PESCADORES RESCATADOS

Por este suceso, dous pescadores tiveron que ser rescatados tras sufrir feridas despois de rexistrarse un incendio no barco cando faenaban na zona de Lariño. Sobre as 06.15 horas, persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 daba aviso á central de emerxencias de que se desprazaban ao porto pesqueiro de Porto do Son para atender a estes dous mariñeiros, que sufriran un incendio na súa embarcación cando pescaban a máis de tres millas da costa de Louro.

Foi o pesqueiro 'La Chainza', que faenaba na zona, quen puido rescatar aos dous tripulantes, que a continuación foron trasbordados á Salvamar Régulus de Salvamento Marítimo e trasladados ao porto de Porto de Son. Desde alí foron trasladados en ambulancia ao Hospital do Barbanza, un deles con queimaduras. No operativo tamén participaron efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou unha embarcación, así como axentes da Garda Civil.

Pesqueiro incendiado en Muros
Pesqueiro incendiado en Muros | Fonte: SALVAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta