Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 14:15
Conforme van caendo as restricións vencelladas á pandemia --a última, o propio estado de emerxencia sanitaria-- os principais sectores económicos de Galicia e o resto do Estado comezan a despreguizarse dunha vez por todas coa vista posta no camiño da recuperación. Non será tan sinxelo como se prevía nun comezo, porén: a crise enerxética e de materiais ameaza con frear unha reconstrución que, no caso do turismo, podería dependender tamén da "estabilidade fiscal".
Cando menso, así o apuntan dende a plataforma Competur, que vén de presentar unha Estratexia Operativa na que pide estabilidade fiscal e regulatoria para poder potenciar un turismo sostible ao longo dos anos. A asociación, que recolle diversos grupos empresariais do sector do turismo e a alimentación, dirixiuse directamente á directora da Axencia de Turismo de Galicia, Marta Fernández, para trasladarlle as conclusións do estudo, que sitúa o turismo como posible "punta de lanza da recuperación económica".
O estudo presentado afonda das ameazas, fortalezas e oportunidades do sector turístico, apuntando á incerteza económica, política e social como un dos "principais riscos" que enfronta a recuperación apuntada. De aí a importancia de achegar a xa amentada "estabilidade fiscal e regulatoria" para evitar obstáculos de cara á reconstrución do sector.
No mesmo aspecto, destacan que o incremento de impostos que gravan a hostelería reducen o consumo e a propia capacidade recadatoria do Estado, aseguran. Por iso piden chegar a un punto de "estabilidade fiscal", imitando a países como Austria, Alemania, Grecia, Irlanda, Reino Unido e Lituania, que, segundo apuntan, veñen de aprobar unha redución do IVE na hostalaría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.