Formoso, novo líder do PSdeG ao imporse a Caballero nas primarias

Impúxose na Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo, mentres que o secretario xeral saínte gañou en Vigo e Pontevedra. O gañador sumou o 58,7% dos votos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2021 | Actualizada ás 21:33

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, será o novo secretario xeral do Partido Socialista de Galicia tras imporse este sábado a Gonzalo Caballero nas primarias cun 58,7% dos votos.

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso | Fonte: M. DYLAN - EUROPA PRESS.

González Formoso conseguiu un total de 4.336 votos, fronte aos 2.970 apoios acadados polo seu rival. Concretamente, Formoso venceu nas provincias da Coruña --onde se fixo con 2.059 votos fronte a 903-- e en Lugo --obtivo 1.090 apoios fronte aos de Gonzalo Caballero--.

Pola súa banda, na de Pontevedra impúxose Gonzalo Caballero --con 1.090 votos fronte a 642 de Formoso--, así como na provincia de Ourense --onde o actual secretario xeral logrou 583 votos, fronte aos 473 de Formoso--.

Ademais, o presidente da Deputación da Coruña tamén venceu en cinco das sete cidades galegas --A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo--; mentres que Gonzalo Caballero gañou en Vigo e Pontevedra.

Os datos oficiais foron facilitados polo presidente da Comisión de Ética do PSdeG, Jorge Parada, quen proclamou de forma provisional ao novo secretario xeral do PSdeG. Agora ábrese un prazo de 24 horas para presentar alegacións.

Formoso terá agora que compatibilizar a presidencia da Deputación coruñesa coa Secretaría Xeral do PSdeG tras imporse a Gonzalo Caballero nas primarias deste sábado.

Casado e con dous fillos, na actualidade este amante do baloncesto finaliza os seus estudos de Dereito --fáltalle unha materia para obter o título--, formación académica que explica que deixou en 'caseta by' para porse a traballar.

Forxado na política municipal, en 2013 foi nomeado polo entón secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como secretario de Política Municipal no aparello do partido. Precisamente, co que tamén fora presidente da Deputación de Lugo mantén unha estreita relación que algúns socialistas vinculan coa vitoria que logrou na provincia de Lugo, onde Besteiro mantén a influencia.

Tras o seu salto ao aparello do partido, este político que presume de non renderse ao uso do Whattsapp colleu en 2017 as rendas do PSOE provincial coruñés ao imporse en primarias á concelleira compostelá Mercedes Rosón --cuxa candidatura era a considerada afín a Gonzalo Caballero--. Precisamente, nesta provincia, na que cultivou os seus mellores resultados, contou co apoio dos alcaldes das tres cidades da provincia --A Coruña, Ferrol e Santiago--, nas que se impuxo ao seu rival.

Durante meses e tras o estalido do conflito entre a dirección que capitaneaba Gonzalo Caballero e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pola destitución da concelleira Eva Martínez Acón, foron numerosas as voces internas que daban por feito que Valentín González Formoso acabaría dando un paso adiante para facerse co control do partido.

Con todo, fíxose esperar e optou por dar a coñecer a súa decisión unha vez que foi convocado por parte do Comité Nacional o XIV Congreso que os socialistas celebrarán en decembro, proceso de renovación da estrutura do partido no que se marcan as primarias celebradas este sábado.

RETOS QUE DEBERÁ AFRONTAR

Tras a súa vitoria, queda por ver se Formoso opta finalmente pola integración de membros da candidatura rival despois dunha campaña, na que asegurou que a integración está no seu ADN e que "non" concibía "un proxecto que nacese da división do partido". Este mesmo sábado, antes de coñecerse os resultados, volveu garantir a integración de facerse co mando do partido.

Outro asunto que deberá afrontar será a convivencia co PSOE pontevedrés e poder que nel ostenta o alcalde de Vigo e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, en cuxa agrupación venceu Gonzalo Caballero. Ademais, Gonzalo Caballero tamén se impuxo na cidade de Pontevedra.

Ademais, outra cuestión será a súa relación co grupo parlamentario do PSdeG, integrado por varios deputados moi próximos a Gonzalo Caballero, como o que fora vicesecretario xeral durante a súa etapa como líder, Pablo Arangüena.

Formoso, que xa avanzou a súa intención de continuar á fronte da Deputación da Coruña convencido de que un secretario xeral debe ter "percha institucional", deberá compaxinar tamén as súas novas responsabilidades orgánicas coa alcaldía das Pontes, un concello moi ligado á central térmica de Endesa e afectado polo proceso de descarbonización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Riolo

Mala noticia para Feijóo. Con Gonzalito la mayoría absoluta estaba asegurada. Tampoco es buena noticia para Pontona, ya que con el sobrinísimo también se garantizaba que el BNG iría por delante en resultados electorales.

1 Fuko

Si, Feijóo non vai durmir!! Gonzalito e Pontona, non sei quén veñen sendo. O mellor un pouquiño de educación nnon che viría mal.

1 Mlon

Volve o PPSDG