O Consello de Contas deseña un plan de prevención da corrupción "orientativo" para fiscalizar os fondos europeos

José Antonio Redondo destaca que estes anos empezará a divulgación dos "conceptos de ética".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2021 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, destacou, na presentación na Cámara dos orzamentos da institución que encabeza, que este organismo deseñou un plan de prevención da corrupción que pode servir como "orientativo" no camiño da fiscalización dos fondos Next Generation, procedentes da Unión Europea.

Na súa intervención para presentar as contas, nas que o gasto de persoal leva o 80 por cento dos fondos e é o capítulo que se incrementa --sobre a base da subida do 2 por cento para os empregados públicos, Redondo destacou que o plan de prevención da corrupción, un "traballo ben feito" que "pode ser orientativo para todo o que se ten que avanzar na fiscalización" dos citados fondos.

"O camiño de prevención da corrupción é moi satisfactorio", subliñou na súa comparecencia, na que, a preguntas de Iago Tabarés (BNG) --partidario de impulsar máis este combate-- sobre se era partidario dunha oficina antifraude, Redondo respondeu que se trata de "outro modelo", un "camiño diferente", e o elixido por Galicia é o da prevención no que ten "un camiño andado".

A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que agradeceu a presenza de Rendondo, observou con todo que se trata dunha presentación rutineira dos fondos e considerou que sería máis pertinente debater a fondo os informes que se elaboran neste órgano.

Pola súa banda, o popular José Manuel Rey Varela contrapuxo esta opinión e defendeu como "necesaria" esta comparecencia e todas as que se producen no marco da presentación dos orzamentos. É máis, aproveitou para remarcar que "oxalá todas as deputacións" tamén asistisen ao Pazo do Hórreo, en referencia a que a presidenta da de Pontevedra, Carmela Silva, volveu a declinar acudir.

DIVULGACIÓN DA ÉTICA

José Antonio Redondo, durante a súa intervención, avanzou tamén que estes anos empezará a divulgación dos "conceptos de ética", co concurso literario e as unidades didácticas realizadas. "Unha política educativa que estamos en condicións de pola xa en marcha. Non foi fácil, pero creo que agora temos un equipo especializado que é importante", remarcou, tras eloxiar o camiño realizado previamente por Portugal e que serviu de "modelo".

O Consello de Contas incrementa o seu orzamento en algo máis de 112.000 euros, destinado aos aumentos nos salarios do persoal e ten uns 7,9 millóns de euros nas contas. Redondo defendeu, ademais, a política do concurso público para o persoal deste organismo fronte á comisión de servizos, un proceso máis longo pero que, ao seu xuízo, é o adecuado e dá máis profesionalización. "Non é un camiño tan sinxelo, pero é de futuro", remarcou.

O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entrega informes de fiscalización ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices / Parlamento de Galicia. / Europa Press
O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entrega informes de fiscalización ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices / Parlamento de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta