Catro das sete vítimas mortais na rede viaria galega en outubro tiñan entre 15 e 35 anos

Descende a sinistralidade viaria tras pechar outubro con 7 falecidos en 7 accidentes, catro vítimas menos que no mesmo período do ano anterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2021 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

A sinistralidade viaria descendeu o pasado mes de outubro en Galicia tras concluír con sete falecidos en sete accidentes de tráfico en vías interurbanas, fronte aos 11 mortos en 10 sinistros no mesmo período de 2020.

Así consta nos datos difundidos este luns pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), recollidos por Europa Press, nos que se indica que as vítimas mortais, catro menos, supoñen un descenso do 36,4 por cento; e os tres accidentes menos implican unha caída do 30%.

Por provincias, a de Lugo rexistra un descenso importante no número de vítimas mortais, ao pasar de catro en outubro de 2020 a ningún o mes pasado. As outras tres mantéñense sen cambios, con tres falecidos nas da Coruña e Pontevedra e un na de Ourense.

Catro dos accidentes mortais rexistrados o pasado mes en vías interurbanas galegas debéronse a saídas de vía, un deles con envorco, e tres a colisións. En canto ás idades das vítimas, dúas tiñan entre 15 e 24 anos; outras dúas entre 25 e 34 anos; unha entre 35 e 44 anos; outra entre 55 e 64 anos e unha era maior de 65.

XANEIRO-OUTUBRO

No que vai de ano, ata o peche de outubro faleceron en vías interurbanas de Galicia 60 persoas en 56 accidentes de tráfico, fronte ás 59 vítimas en 56 sinistros no mesmo período de 2020.

Do total de falecidos entre xaneiro e outubro, 24 corresponden á provincia da Coruña --cinco máis--; 21, á de Pontevedra --un máis--; nove, á de Lugo --dúas menos-- e seis, á de Ourense --tres menos--.

Imaxe do accidente no que resultaron feridas dúas persoas ao en Ribeira (A Coruña). CONCELLO DE RIBEIRA
Imaxe do accidente no que resultaron feridas dúas persoas ao en Ribeira (A Coruña). CONCELLO DE RIBEIRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta