Formoso responde ás acusacións de "purgas" de Caballero: "as primarias xa remataron"

Asegura que optará pola integración pero enmarca o reemprazo da estrutura afín a Caballero como parte dun proceso "normal".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/11/2021 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

O novo secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, lembrou que o proceso de primarias "xa terminou" coas votacións do pasado 30 de outubro, na que el venceu con case o 60% dos votos, e insistiu en que apostará pola integración na conformación da nova dirección da formación ao asegurar que vai no seu "ADN".

Tras participar nun acto en Ames e preguntado polas declaracións nas que a contorna do que foi o seu rival no proceso interno, Gonzalo Caballero, denuncia "purgas" pola destitución do comité organizador do XIV Congreso, Formoso subliñou que "o proceso de primarias xa terminou".

"E por tanto, a militancia o que quere é que empecemos a falar de Galicia, do proxecto de país, que empecemos a ilusionar outra vez a Galicia, que é para o que fomos escollidos", afirmou. Tras iso, considerou que, despois dun proceso de primarias "no que hai intensidade nas formulacións", agora débense de "vivir con normalidade os axustes que se produzan". Por iso, enmarcou na "normalidade" a decisión de Ferraz de destituír ao comité organizador que fora designado por Gonzalo Caballero para conformar un novo.

Neste sentido, referiuse ao caso de Andalucía, para soster que, como alí, "o novo tempo identifícase o equipo que ten que organizar o congreso, con normalidade" e "sempre en positivo".

APOSTA POLA INTEGRACIÓN

Ademais, González Formoso insistiu na súa mensaxe de aposta pola integración de face á composición da dirección do partido para o próximos catro anos. "Vai no meu ADN, é indiscutible", subliñou. "Imos conformar os órganos executivos dun partido que está chamado a convencer a Galicia de que a socialdemocracia e o socialismo é, sen dúbida, unha fórmula que ten que imperar na administración autonómica para que a igualdade de oportunidades e a xustiza social arraigue con forza neste país", argumentou.

Para evitar cuestións como a "emigración" do "talento", González Fomroso considerou necesario "un proxecto forte" como partido, "no que ninguén vai sobrar" e no que "todo o mundo vai contar". "Aquel compañeiro con ilusión, ganas de achegar e valía vai ter un papel neste proxecto", afirmou.

Valentín González Formoso, en rolda de prensa nunha imaxe de arquivo. PSDEG PROVINCIAL
Valentín González Formoso, en rolda de prensa nunha imaxe de arquivo. PSDEG PROVINCIAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta