A Fegamp reafírmase en que a lei da auga encarecerá a factura e a Xunta pídelle que "aclare as súas discrepancias"

A entidade reclama un desenvolvemento da lei "acordado" coas entidades locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2021 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reafírmase en que, "tal como está, o proxecto de lei do ciclo da auga da Xunta de Galicia suporá encarecementos na factura para moitas familias galegas".

Nun comunicado, a Fegamp quéixase dunha "filtración con intencionalidade política" de "unha acta de traballo" dos técnicos, á vez que reclama un desenvolvemento da lei "acordado" coas entidades locais e que leve unha memoria económica.

"Ante a filtración intencionada dunha acta de traballo dos técnicos da que se supuña era unha primeira reunión de contacto para, entre outras cousas, pór en común todos os factores que poden afectar o custo da auga e axustar ese cálculo, a Fegamp aclara que na reunión quedaron claras as fórmulas empregadas e que, como consta no documento, había erros nas estimacións por ambas as partes", sinala.

Por iso, "aínda que o encarecemento da auga variará en función dos conceptos a aplicar na factura, os técnicos da Federación xa comezaron un estudo cunha mostra significativa de concellos para ter unha radiografía máis axustada de en que casos e canto pode subir a factura, documento que se porá a disposición da Consellería de Infraestruturas".

Igualmente, a Fegamp considera "absolutamente necesaria" unha lei que mellore a xestión da auga en Galicia, pero pide "protexer este labor de polémicas e argumentacións tendenciosas que prexudican o traballo e inquietan á cidadá".

Pola súa banda, fontes da Consellería de Infraestruturas piden á Fegamp que "aclare as súas discrepancias internas", "que controle as súas filtracións se necesita facelo, pero que, en todo caso, a Presidencia da Fegamp respecte aos seus técnicos e que se é verdade que consideran que esta lei é positiva, o demostre traballando constructivamente".

DEBATE NO PARLAMENTO

Precisamente, no pleno do Parlamento desta semana, o BNG presentou unha moción para reclamar a retirada do anteproxecto de lei do ciclo da auga, unha proposta rexeitada polos populares.

Durante o debate, Luís Bará (BNG) responsabilizou á Xunta de "filtrar datos falsos" antes deste debate plenario para "confundir", o que provocou o "enfado" de técnicos da Fegamp pola "terxiversación" da reunión celebrada.

En fronte, Diego Calvo (PP) esgrimiu que a Fegamp presentou unha alegación ao texto, pero "despois deuse conta que estaba mal calculada", e é que "se deron conta os técnicos que estaba mal calculado e non subía o prezo do recibo".

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, no encontro de traballo sobre a lei do ciclo da auga / CONCHI PAZ - XUNTA. / Europa Press
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, no encontro de traballo sobre a lei do ciclo da auga / CONCHI PAZ - XUNTA. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta