Así comprometeu o desvío de recursos na pandemia a asistencia a enfermos de cancro de cabeza e pescozo

Case a metade dos centros hospitalarios interromperon nalgún momento a actividade cirúrxica oncolóxica de alta prioridade debido á situación epidemiolóxica, segundo unha enquisa estatal. A comunidade científica e médica vén alertando, desde o inicio da pandemia da covid-19, dunha deterioración da asistencia a pacientes con cancro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia de covid-19 causada polo coronavirus SARS-CoV-2 obrigou a unha reorganización da actividade asistencial, limitando a actividade cirúrxica a urxencias e desviando recursos asistenciais e humanos ás unidades que trataban enfermos con covid-19. Isto causou problemas de atención en pacientes hospitalizados e ambulatorios con patoloxías de todo tipo, que viron como se desatendían as súas necesidades. Nese grupo atopáronse os enfermos con cancro de cabeza e pescozo.

Paciente cun tumor de cabeza e pescozo
Paciente cun tumor de cabeza e pescozo | Fonte: Pabloes - Wikimedia Commons.

"A metade dos departamentos de otorrinolaringoloxía dos hospitais diminuíron a súa actividade"

Segundo un estudo estatal no que participaron investigadores dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela (CHUS) e A Coruña (CHUAC), “aproximadamente a metade dos departamentos de otorrinolaringoloxía españois diminuíron a súa actividade, non tratando os seus pacientes de forma regular, e os cirurxiáns foron reasignados a outras tarefas”.

O obxectivo destes investigadores foi analizar o impacto da pandemia de covid-19 na xestión da cirurxía do cancro de cabeza e pescozo en España, para o cal fixeron un estudo transversal, a través dunha enquisa distribuída a departamentos de otorrinolaringoloxía en todo o Estado, durante os primeiros meses da pandemia en España, entre marzo e maio de 2020 (primeira onda da covid-19).

Os resultados desa enquisa sinalan que case a metade deses departamentos (45,5%) tiveron que parar a cirurxía de alta prioridade e o 54,5% dos cirurxiáns de cabeza e pescozo foron reubicados fóra do seu ámbito de práctica para atender pacientes afectados pola covid-19 en unidades de coidados intensivos (UCI), urxencias, unidades covid-19, outras disciplinas cirúrxicas e disciplinas médicas, etc.

Case un terzo dos especialistas viuse "obrigado" a desviarse do "estándar de atención" a estes pacientes

Así mesmo, “unha porcentaxe non desprezable” (45,4%) informou non sentirse segura no seu traballo durante a pandemia e catro de cada dez (40,9%) afirmaron que “os axustes realizados pola súa institución e a autoridade local non eran seguros en relación á xestión do cancro de cabeza e pescozo”, detallan os autores do estudo.

E case un terzo (29,5%) viuse "obrigado" a desviarse do "estándar de atención" debido á situación epidemiolóxica causada pola covid-19.

Sobre a implantación da teleconsulta durante a pandemia, observouse que a maioría das primeiras consultas mantivéronse presenciais no 68,2% dos centros, así como visitas de seguimento no 90,9%, durante. Afondando nesta cuestión, o 31,8% dos centros mantiveron entre o 75 e o 100% das primeiras visitas presenciais, o 15,9% entre o 50 e o 75%, o 31,8% entre o 25 e o 50% e o 20,5% entre 0 e 25%.

INTERRUPCIÓNS NAS OPERACIÓNS

Un dos datos máis relevantes é que case a metade dos centros hospitalarios (45,5%) ​​tiveron que interromper nalgún momento a actividade cirúrxica oncolóxica de alta prioridade debido á situación epidemiolóxica.

A cirurxía oncolóxica "de baixa prioridade" foi paralizada no 59,1% dos centros debido á pandemia

O 45,5% dos especialistas consultados lamentou un atraso significativo nas cirurxías deste tipo, fronte a un 54,5% que considerou que o impacto non foi tan dramático.

A cirurxía oncolóxica "de baixa prioridade" foi paralizada no 59,1% dos centros debido á pandemia. Aquí, o 65,5% considerou que isto supuxo un atraso significativo nas cirurxías deste tipo, fronte a un 34,1% que considerou que non houbo impacto substancial.

Por outro lado, a maioría dos centros (66%) consideraron que estes atrasos non tiveron unha influencia negativa no prognóstico dos pacientes.

Tamén se valorou a proporción de procedementos altamente complexos e/ou de procedementos produtores de aerosois (transportadores do virus) en cirurxía de cabeza e pescozo realizadas en cada hospital durante a pandemia en comparación coa situación anterior. A maioría dos procedementos reducíronse a  menos do 25%, aínda que na maioría dos centros, o cribado do SARS-CoV-2 realizouse antes de calquera procedemento cirúrxico (93,18%).

Os autores do estudo destacan tamén que a cirurxía oncolóxica de cabeza e pescozo estaba absolutamente contraindicada en pacientes con SARS-CoV-2 positivo no 34,1% dos centros, evidenciándose así distintos criterios entre hospitais.

No estudo tamén se avaliou a existencia de cambios no algoritmo de tratamento para casos de cancro de cabeza e pescozo. Os algoritmos e as guías clínicas son regras e directrices baseadas en métodos dedutivos que integran a información baseada na evidencia científica e na experiencia clínica dispoñibles. O seu obxectivo é evitar a variabilidade clínica e orientar ao clínico na mellor elección de tratamento, que pasos realizar cando non hai resposta e cando é necesario o cambio de estratexia. Pois ben, neste caso, a metade dos centros enquisados recoñeceron que se produciron cambios durante a pandemia.

“A redución ou suspensión temporal de case toda a actividade cirúrxica" supón “un grave problema en relación co prognóstico, morbilidade e mortalidade"

Os expertos consideran “preocupante” que o 29,5% denunciou que se viron "obrigados" a desviarse do que consideran "estándar de atención" na xestión dos casos pacientes con cancro de cabeza e pescozo debido á situación epidemiolóxica.

Malia estes datos, a proporción informada de pacientes oncolóxicos de cabeza e pescozo que pasaron da cirurxía aos protocolos de radioterapia ou quimioterapia-radioterapia foi do 0-25% na maioría dos centros (75%). No 15,9% dos hospitais observouse este cambio no 25-50% dos pacientes e no 9,1%) observouse no 50-75% dos pacientes.

Con base en todos estes datos, os especialistas avisan de que “as consecuencias dos atrasos informados e dos cambios na práctica diaria deberían avaliarse no futuro para comprender o impacto real da pandemia na supervivencia dos pacientes con cancro de cabeza e pescozo”.

Como subliñan, “a redución ou a suspensión temporal de case toda a actividade cirúrxica electiva en moitos centros afectados pola pandemia” supón “un grave problema no caso das enfermidades oncolóxicas en relación co seu prognóstico, morbilidade e mortalidade, e cuxas repercusións xa comezamos a sufrir nos nosos campo”.

PREOCUPACIÓN NA COMUNIDADE CIENTÍFICO-MÉDICA

Xa en 2020, expertos dos servizos de otorrinolaringoloxía de varios centros, incluído o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, lembraban que “o cancro de cabeza e pescozo é unha enfermidade agresiva” e o seu prognóstico é “directamente dependente do tempo de resposta que se teña ante ela”.

“Sen tratamento activo algún, a metade dos pacientes están abocados a un final fatal en catro meses”, avisaban.

Algúns expertos calcularon que a pandemia podería aumentar ata un 35% a mortalidade de pacientes con cancro de cabeza e pescozo, por atrasos nos diagnósticos

Estes expertos sinalaban xa en plena pandemia algúns estudos que falaban dun “previsible aumento na mortalidade” de pacientes de cancro de cabeza e pescozo “de entre un 10 e 35%, por mor das medidas adoptadas para combater a covid-19”. Por iso, consideraban “crucial exporse ata onde debemos alterar a forma na que atendemos os pacientes”.

“A suspensión da actividade cirúrxica, a suspensión e/ou modificación dos tratamentos non cirúrxicos, o atraso no diagnóstico, as carencias no acceso ao sistema sanitario, o medo para acudir ao hospital, a redución do número de revisións oncolóxicas, a implantación da asistencia non presencial, a ausencia ou limitación de reunións profesionais multidisciplinares, a prohibición de asistencia a reunións científicas, a imposibilidade de acceso á formación para estudantes e residentes, etc., son todas realidades que non só vivimos todos, senón que de feito recomendamos, en aras de previr un mal maior. Ante esta situación, a pregunta é obrigada e sinxela: cando estas medidas deixan de previr un mal maior e de feito cáusano? A resposta, obviamente, é incerta e moi complexa”, explicaban.

Agora, os resultados do estudo realizado en varios centros hospitalarios axuda a describir mellor a situación e as carencias que sufriron estes pacientes pola derivación de recursos humanos e técnicos por mor da pandemia.

Tamén especialistas de varios centros e institucións sanitarios alertaron dos problemas derivados da pandemia para os enfermos oncolóxicos, en xeral. E advertían tamén xa en 2020 que “os primeiros estudos dispoñibles confirman a sospeita dunha maior vulnerabilidade ante a covid-19 en pacientes con cancro, ratificando a necesidade de medidas extraordinarias adoptadas por varias sociedades científicas para protexer os pacientes con cancro”.

A pandemia "podería transformar a práctica clínica, influír nos resultados clínicos dos pacientes, complicar os ensaios e afectar o orzamento para investigación en cancro"

E engadían: “A pandemia terá un efecto multifactorial sobre o cancro no noso país, xa que podería transformar a práctica clínica, influír nos resultados clínicos dos pacientes, complicar os ensaios clínicos e afectar o orzamento dispoñible para investigación en cancro. Unha vez pasada a crise máis aguda e o estado de alarma, deberiamos centrarnos en entender e abordar os efectos directos e indirectos da pandemia sobre a práctica clínica e os resultados dos pacientes con cancro”.

Durante a pandemia foron múltiples as publicacións nas revistas de máis alto prestixio internacional –como The  Lancet, New England  Journal  of  Medicine, Oral  Oncology ou  Head  and  Neck– das diferentes sociedades científicas e grupos de traballo en forma de recomendacións, protocolos ou guías clínicas para o manexo dos pacientes con cancro de cabeza e pescozo en tempos de covid-19. Con todo, pasados xa case dous anos de pandemia, queda por avaliar o impacto real que esta tivo na atención, calidade de vida e supervivencia destes enfermos.

Segundo alertou a Sociedad Española de Otorrinolaringología y Cirugía de Cabeza y Cuello, a pandemia da covid-19 podería ter aumentado ata un 35% a mortalidade de pacientes con cancro de cabeza e pescozo, debido aos atrasos no diagnóstico xerados, como avisou xa en xullo do ano pasado.

Entre os cambios que identificaron, destacaron a demora na actividade cirúrxica, a suspensión e/ou modificación dos tratamentos non cirúrxicos, o atraso no diagnóstico, as carencias no acceso ao sistema sanitario, o medo dos pacientes a acudir ao hospital, a redución do número de revisións oncolóxicas e a implantación da asistencia non presencial.

INDICIOS DA ENFERMIDADE

A Sociedad Española de Otorrinolaringología y Cirugía de Cabeza y Cuello sinala unha serie de signos de alerta desta enfermidade, como dor de garganta e dificultade ao tragar persistente máis de tres semanas a pesar do tratamento; dor de oído persistente que empeora ao tragar durante máis de tres semanas a pesar do tratamento, ou a aparición de tumefacción ou  úlcera na boca ou de sangue na boca e a garganta durante máis de tres semanas a pesar do tratamento.

Outros síntomas poden ser a aparición de lesións brancas ou vermellas na boca que persisten durante máis de tres semanas a pesar do tratamento; cambios na voz, afonía ou ronquén non relacionada cunha infección e que persiste máis de tres semanas a pesar do tratamento; aparición de vultos no pescozo, sobre todo se son duros, crecen ou desbasten durante máis de tres semanas a pesar de tratalos; e obstrución nasal e/ou sangrado nasal persistente durante máis de tres semanas a pesar de tratalos; e obstrución nasal e/ou sangrado nasal persistente durante máis de tres semanas a pesar do tratamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta