Queredes confeccionar o voso propio traxe e careta de Cigarrón?

O Concello de Verín promove, un ano máis, o 'Obradoiro do Cigarrón' para poñer en valor e respectar as formas tradicionais desta máscara especialmente representativa do entroido ourensán.

Por X.M. Fernández | Verín | 14/11/2021 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Até o día 23 de novembro permanecerá aberto o prazo de solicitudes para participar na edición 2021-2022 do Obradoiro do Cigarrón.

Obradoiro Cigarrón (arquivo). Foto: Prensa Concello de Verín.
Obradoiro Cigarrón (arquivo). Foto: Prensa Concello de Verín.

O Concello de Verín promove desde o ano 1997, e agás no período 2020-2021 polas restricións derivadas da protección fronte á Covid, actividades formativas que teñen como obxectivo que o Cigarrón, a máscara con máis significado patrimonial do Entroido de Verín, se manteña dentro dun canon de respecto polas formas tradicionais. 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Verín, na sesión celebrada o luns día 8, aprobou por unanimidade o  proxecto de organización, o orzamento e as bases dunha actividade que se prevé que remate antes do Xoves de Compadres do vindeiro ano.

OBRADOIRO DO CIGARRÓN

A acción formativa deste ano ofrécelle ás persoas maiores de idade que teñan as tardes libres a posibilidade de faceren a máscara completa ou partes da mesma (traxe ou careta), para o que terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios. Os e as interesados/as aprenderán a facer todos os seus elementos constitutivos, agás os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra.

Para faceren o traxe é indispensable que teñan coñecementos básicos de confección con máquina e levala. Ademais, precisan ter adquirido fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho.

As prazas dispoñíbeis son 20, das que 8 como mínimo serán para persoas que queiran facer todas as actividades e un máximo de 24 para actividades parciais.

Nas solicitudes, que se tramitan na Casa do Concello, terán preferencia as das persoas que pretendan participar en todas as actividades. Para iso, admitiranse tanto as solicitudes dunha soa persoa como as presentadas por dúas persoas que acrediten un parentesco de até 4º grao. Ofreceránselle as prazas restantes por orde temporal de presentación de solicitudes ás persoas que pretenden participar nalgunha das actividades parciais.

As persoas que se inscriban para participar en todas as actividades terán que pagar 95 euros. O prezo da inscrición será de 75 euros para as que só queiran aprender a facer o traxe ou a careta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta