Xoaquín, cinco meses agardando polo seu tratamento de cancro: "chamaba ao Sergas e daban largas"

A saturación da sanidade galega some en longos meses de espera aos doentes de cancro que agardan o seu tratamento. Xoaquín Pazo, veciño de Teo, agarda a súa quenda coa ollada posta nas pequenas cousas: "morrer xa sei que vou morrer, pero non se van rir de min".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Circulan pola esfera galega do Twitter os chíos dun tal ‘O Ghrapas’, unha celebridade ‘da casa’ coñecida polo seu humor negro, as recomendacións musicais que reparte a diario e por ser un dos pacientes de cancro afectados polas demoras no Servizo Galego de Saúde. No caso de Xoaquín Pazo (1963), a enfermidade ten poucos visos de curación. Aínda así, este dumbrián promete dar batalla ata o final, coa man afeita a asinar reclamacións e o ollar decidido a que non o pisen: “morrer xa sei que vou morrer, pero non se van rir de min”

Xoaquín Pazos, doente de cancro á espera de recibir o seu tratamento no Sergas
Xoaquín Pazos, doente de cancro á espera de recibir o seu tratamento no Sergas | Fonte: GC

 

Atopámonos nun bar da zona do Paxonal, ás aforas de Santiago. No local, de decoración moi coidada, soan constantemente cancións en inglés a un volume moi alto, pero non deturpan a conversa. Xoaquín fala das augas sulfurosas da Ramallosa, onde reside, dos paseos polo campo e da enfermidade que, explica, o rematará levando á terra. Todo co mesmo ton de resignación xovial, de quen rebaña as últimas pingas do prato da vida cun xesto claro de agradecemento. 

 

O particular traxecto deste veciño de Teo polos hospitais comezou hai case dez anos. En 2012 sufriu unha hepatite C que lle deixaría o fígado “feito unha merda”, segundo conta. Sete anos máis tarde, nunha revisión protocolaria, detéctanlle un hepatocarcinoma, nome técnico dun tumor maligno resistente á quimioterapia e a ‘radio’. A cirurxía, única carta que quedaba na baralla, faise posible cun transplante que chega no Día de Reis de 2020. Pero este particular agasallo non logra frear o espallamento do carcinoma: para entón, a metástase alcanzara os ganglios linfáticos.

 

TRATAMENTO ADIADO

 

Foi nese momento cando os seus médicos lle propuxeron o tratamento que o Sergas tería demorado durante 5 meses. Estaba previsto que as sesións comezaran en maio dese ano, explica Xoaquín, pero unha infección interna que chegou aos pulmóns obrigouno a pasar máis dun mes hospitalizado. A sorpresa deste veciño de Teo é que, ao recibir a alta, os trámites administrativos previos ao seu tratamento non estaban listos.

 

Comezaron así as chamadas insistentes ao CHUS, das cales poucas veces se tiraba algo en claro. “Dixéronme que o ían propoñer ao comité de médicos, que estaban á espera de que o aprobara a xerencia, despois que dependía de Farmacia...”, rememora, sentado ante un descafeinado con leite na tarde nubrada. O mércores 17 deste mes, Xoaquín recibiu finalmente noticia do Sergas: será sometido a un tratamento distinto do formulado nun comezo, que excedía o presuposto do Hospital.

 

Con todo, o veciño da Ramallosa ve claro que a terapia demorada polo Sergas non o salvará da morte. “Un dos médicos que me atendeu xa me dixo que fora poñendo orde na miña vida, que isto ía acabar comigo”. Non lle deron un prazo, explica, porque a pesar de que o pediu era imposible falar dunha data: “cada corpo é un mundo”, dixéronlle.

 

A CATEDRAL E O MIÑATO

 

Dous anos e medio despois do diagnóstico inicial, enfronta a vida con humor e ton relaxado. O alcume que porta en Twitter, o Ghrapas, vén, precisamente, da longa sutura que recibiu tras a intervención para transplantarlle o fígado. “Tiven momentos moi fodidos mentalmente, e de vez en cando teño algún baixón”, recoñece. “Pero non podes estar chorando polas esquinas, non pode ser. Hai que moverse un pouco e tratar de desfrutar dunha vida normal. Sabes que tes un prazo”, engade.

 

Afastado do traballo por unha incapacidade case total, inviste os días nunha rutina ben coñecida para os seus seguidores de Twitter. Despois de facer as cousas da casa e comer coa parella --“sempre moi tarde, sobre as 3”--vai dar un paseo polo río que cae ao carón da Ramallosa. A súa é unha zona rural, verde. Asegura que non a cambiaría pola cidade. “Marabíllame mirar pola ventá da cociña e ver un miñato que anda por aí a ver se caza un rato”, apunta. “Velo como planea, a arte que ten voando. É moi suave, moi estética tamén. Pódome cansar de ver a fachada da Catedral --estou cheo de ver a Catedral--, pero nunca me

cansarei de ver o miñato”.

 

A entrevista remata e a gravadora deixa de correr. Coas tazas baleiras, Xoaquín fala da súa guitarra eléctrica, que non a toca pero “decora ben”, da vez que Mark Knopfler estivo no Fontes do Sar, do primeiro guitarrista dos Deep Purple, da traxedia que inspirou Smoke on the Water en 1971. Paga os cafés de ambos e despídese cun apretón de mans sincero. Anoitece no Paxonal: hoxe non haberá tempo para ir pasear polo río, pero mañá é outro día. 

 

SEN RESPOSTA DO SERGAS

 

Galicia Confidencial dirixiuse aos servizos de prensa do Sergas e da Área Sanitaria de Santiago para contar coa súa versión das denuncias presentadas nesta reportaxe, pero non recibiu resposta. Nas últimas semanas, e como recolleu xa esta xornal, sanitarios e sindicatos apuntaron a un incremento de casos de cancro na sanidade pública galega.

 

Detrás deste aumento estaría a parálise de atención primaria nos primeiros meses da pandemia, pero tamén a saturación de especializada como resultado dos casos que non se diagnosticaron en tempo. No caso concreto da Área Sanitaria de Vigo, a xerencia viuse obrigada a instaurar unha quenda nocturna de radioterapia ante a falta de equipos pola caducidade de dous aceleradores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Moine

Seria bom conhecer a quem votárom ele e a sua família, pois o “Frijol” está na Junta polos votos dos galeg@s. E já se sabe: Sarna com gosto nom prói

1 Xoaquin @oghrapas

Non fales sin conocemento de causa. Non sexas falabarato

2 Gamela

Alégramonos Xoaquín... e ogallá os medicamentos fagan que podas seguir adiante con tanta forza e tanta ilusión como tes demostrado ! Apertas ! Saúde e Boa Fortuna ! https://twitter.com/oghrapas/status...

1 Riolo

Saturación, mala gestión, intereses de bastantes sanitarios por desviar pacientes a su consulta privada de tarde, preferencia de parientes de sanitarios en listas de espera e incumplimiento de horarios en una parte del personal.