Abella Lupa, algo máis que mel ecolóxico

Ubicada na montaña do Covelo (Pontevedra) a SAT Abella Lupa é unha iniciativa emprendedora de produción de mel en ecolóxico e divulgación do patrimonio cultural galego asociado á apicultura.

Por GCAgro | Covelo (Pontevedra) | 19/03/2014 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Abella Lupa é unha Sociedade Agraria de Transformación que nace no Covelo, na montaña de Pontevedra, cun dobre propósito inusual en Galicia: ser un proxecto destinado á produción ecolóxica de mel e á recuperación e divulgación do patrimonio cultural asociado á apicultura en Galicia. Entrevistamos a Alexandre Cendón González, presidente da SAT Abella Lupa

Alexandre Cendón traballando
Alexandre Cendón traballando

Como nace a SAT Abella Lupa?
Abella Lupa nace como un proxecto multidisciplinar de catro soci@s con distinta formación, que quixemos apostar por un modelo de produción asentado no medio rural dun xeito sustentábel. Así conxugamos a produción de mel ecolóxico coa divulgación e a recuperación do patrimonio apícola tradicional galego.

Foivos difícil atopar un espazo axeitado para facer o voso proxecto e facelo en ecolóxico?
Non, non o foi. Para iso contamos con ferramentas de cartografía dixital e bases de datos de información sobre os usos do solo da nosa zona. A partir de aí eliximos os lugares axeitados e alí instalamos as alvarizas.

Como foi a colaboración coa administracións e cos veciños para poñer en marcha Abella Lupa?
Algúns veciñ@s cédennos as súas propiedades para nós instalar nelas as nosas colmeas. Tamén colaboramos na recuperación e valorización do antigo oficio da ceraría coa Comunidade de Montes Veciñais de Paraños, en Covelo. Froito desa colaboración foi a investigación que desembocou na creación do Centro de Interpretación da Ceraría, Favum e da restauración do antigo lagar da cera desa parroquia.

Cales son os vosos produtos, o voso volume de produción,  e en qué mercados os vendedes?
Temos dúas marcas de mel, “Suído” e “12”, que presentan dous tipos de mel diferentes: un de milflores de montaña e outro de melada de carballo cerquiño, respectivamente. Temos unha produción cativa, arredor de 5000 kg, que esperamos aumentar paulatinamente. Este mel véndese de forma directa, a cooperativa se grupos de consumo en tendas especializadas de Galicia e do resto do Estado.

Web de Abella Lupa
Web de Abella Lupa

É facil vender a marca Galicia no extranxeiro, no voso caso no mel?
O noso mel fóra de Galicia, no Estado, é moi valorado. Decatámonos de que os produtos galegos son moi apreciados e son sinónimos de calidade (a nosa presenza máis alá aínda é pequecha). Creemos que fai falla un esforzo meirande por parte d@s produtor@s para captar esta oportunidade, incluso nos outros países da UE.

"Hai unha crenza errónea e perigosa de que ser apicultor é doado"

Cómo vos está a afectar o problema da desaparición das abellas e da vespa asiática?
Tivemos problemas serios hai tres anos coa síndrome de desaparición das abellas. Isto levounos a nos esmerar na reprodución continua dos nosos apiarios e na vixilancia extrema do ácaro Varroa destructor, tamén asociado á síndrome. Polo que respecta aos insecticidas involucrados na mesma, a presenza deles é nula nas áreas de voo das nosas abellas, xa que producimos en ecolóxico. Con isto non desmentimos a implicación dos neonicotinoides e outras substancias tóxicas na aparición e desenvolvemento da síndrome, xa que a manifestación deste andazo trae aparelladas diferentes doenzas que se contaxian entre as abellas estean onde estean. Até agora non tivemos problemas coa Vespa vellutina.

Sodes dos poucos apicultores en Galicia que poden vivir do seu traballo. É difícil?
Como en calquera actividade agraria, dependemos de factores que non podemos controlar. Por unha banda, no caso da apicultura, a climatoloxía é crucial: unha chuvia a destempo, unha seca, unha xeada ou un nordés poden acabar coas floracións meleiras principais da tempada e botar a perder a produción e non podemos facer ren (non podemos ter as abellas en invernadoiros, nin regar nin alimentalas para que produzan). Por outra banda, as condicións de venda no mercado tamén son aleatorias e hai que saber manexarse moi ben dentro del.

Qué potencialidade lle vedes á apicultura en Galicia?
Galicia ten unha potencialidade apícola importante e queda aínda moito por explotar. Temos un mel de calidade (nas súas diferentes variedades) e un clima e flora axeitados para a súa produción. 

En qué novos proxectos estades a traballar e cales son as vosas perspectivas para este ano?
Para este ano queremos incrementar a produción e con iso aumentar o número de colmeas. Isto vainos consumir a meirande parte dos esforzos desta tempada meleira que acaba de comezar con estes días de marzo soleados que propician as primeiras floracións.

Qué consellos lles dariades a un emprendedor que queira iniciar un proxecto de apicultura en Galicia?
O máis importante é a formación e a experiencia. Isto é algo que se acada ao longo dos anos e non da noite para a mañá. Percibimos unha idea xeneralizada de que coidar abellas é doado e isto é erróneo e perigoso (ora para @s nov@s abelleir@s, ora para as propias abellas). Ademais (e isto non é exclusivo da apicultura), unha cousa é producir e outra moi distinta é vender o teu produto. Paciencia e esmero.

Enxamio de abellas
Enxamio de abellas | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta