Formoso reclama que a Xunta se sume "á ambición" do PSOE en defensa da igualdade

"Desde o socialismo estamos a pór todas estas ferramentas en marcha, porque os datos sobre violencia de xénero indícannos cada día que aínda estamos moi lonxe de resolver o problema", apuntou Formoso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, instou á Xunta de Galicia a "sumarse á ambición do Partido Socialista en defensa da igualdade" e destinar máis fondos á loita contra a violencia de xénero.

Formoso participou na tarde deste venres en Santiago nun encontro organizado con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, no que reclamou ao Goberno autonómico que "recupere o nivel de investimentos neste ámbito con fondos propios que había con Emilio Pérez Touriño".

"Porque os orzamentos para loitar contra a violencia de xénero que pon a Xunta encima da mesa son os que lle veñen a través do Pacto de Estado que impulsamos os socialistas", sostivo o dirixente socialista nun acto no que se reuniron unhas 70 persoas.

Na cita púidose ver a rostros socialista como o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o senador Xoaquín Fernández Leiceaga; deputadas autonómicas e alcaldesas como a de Vimianzo, Mónica García.

Formoso foi o encargado de abrir a xornada antes de dar o paso a unha mesa de debate moderada pola vicesecretaria xeral de Igualdade da executiva galega do PSdeG, Icía García; e que contou coa participación da portavoz en igualdade no Parlamento, Noa Díaz, entre outras dirixentes socialistas.

En palabras de Formoso, "a violencia que sofren as mulleres é, sen dúbida, o tema máis importante da axenda feminista, que ten múltiples dimensións e, por tanto, necesita ser abordada desde diversas frontes" como o educativo, o sanitario, o xurídico, o asistencial e o laboral.

"Non se pode ser socialista sen ser feminista, e non se pode ser socialista e non loitar, non militar activamente na loita contra a violencia machista; porque se estamos comprometidos e comprometidas coa reforma e abolición das institucións patriarcales, todas, absolutamente todas, teñen na violencia contra as mulleres unha das ferramentas de opresión", apuntou.

Formoso sostivo que foron os socialistas "os primeiros en demostrar" o seu compromiso nesta loita a través dos feitos. Así, lembrou que foi o PSOE o que puxo en marcha en 2004 a Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, que "segue sendo un referente normativo para os países da contorna".

Ademais, sinalou que o PSOE foi quen impulsou o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero. "Desde o socialismo estamos a pór todas estas ferramentas en marcha, porque os datos sobre violencia de xénero indícannos cada día que aínda estamos moi lonxe de resolver o problema", apuntou.

Formoso, que lamentou que desde 2003 --cando se inicia o reconto de vítimas-- un total de 66 mulleres galegas foron asasinadas, criticou que a Xunta, "lonxe de promover políticas reais de igualdade", faga das mesmas "unha permanente campaña publicitaria". Tras iso, comprometeuse a que, con el como secretario xeral, o feminismo sexa "un sinal de identidade" do PSdeG e que a igualdade estea presente en todo o seu discurso.

O secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, participa nun acto organizado polo partido con motivo do Día Internacional de eliminación da violencia de xénero. PSDEG
O secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, participa nun acto organizado polo partido con motivo do Día Internacional de eliminación da violencia de xénero. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta