'Ti primeiro', a pioneira novela visual galega na que ti decides o futuro dos protagonistas

A narración interactiva explora a historia dunha parella cunha relación aberta, segundo explica o seu creador, Roberto Alvite.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2021 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Desde que Julio Cortázar outorgase poder de decisión a quen lera unha das súas novelas máis lembradas, Rayuela (1963), os formatos e xéneros literarios non deixaron de evolucionar. Así o demostra 'Ti primeiro', unha novela visual e interactiva --a primeira en Galicia e no Estado español --, que deixa que o lector decida sobre o futuro dunha parella, agora en formato aplicación.

O seu creador, o galego Roberto Alvite, comenta nunha entrevista concedida a Europa Press que sempre tentou, desde a produtora que fundou en 2018 con Javier Gálego Melgo Cinema, contar "realidades do día a día, aínda que sempre tentando innovar en canto a xéneros e formatos".

Nesta novela visual interactiva, Alvite explora a saúde das relacións de parella e a evolución dos sentimentos co paso do tempo. Así, en tres capítulos de 60 minutos cada un, descubrimos a historia de Álex e Sebas, unha parella namorada que rolda a trintena e que, nun momento dado, decide ter unha relación aberta.

Existe unha única forma correcta de amar?, somos capaces de verbalizar todo o que sentimos?, vale a pena arriscar a estabilidade ante a posibilidade de obter algo mellor?; son as preguntas ao redor das que o creador quere que se reflexione ante un tema tan universal. "É algo moi íntimo. Ao final todos pasamos por relacións amorosas, con máis ou menos peso, máis ou menos duración, pero ao final todos queremos sentirnos amados, correspondidos por alguén. Transitamos, dalgunha maneira, por esas relacións afectivas e todo o queren dicir a nivel sexual, emocional, plans de vida...", explica Alvite.

Nunha época na que tanto os modelos de familia como os de parella evolucionan a contornas máis desestructuradas e individualistas; "máis breves e máis intensas", o proxecto aborda a cuestión da calidade das relacións afectivas e o que implica a palabra "romance" desde a "reflexión e a calma".

Banner da novela visual interactiva 'Ti primeiro'. MELGO CINEMA
Banner da novela visual interactiva 'Ti primeiro'. MELGO CINEMA | Fonte: Europa Press

PODER DE DECISIÓN

As relacións abertas achéganlle ademais un plus para xogar co formato interactivo, mentres aposta polo "morbo e a curiosidade" que producen as relacións románticas. "En momentos puntuais, o lector determina por onde vai a historia. Non son cambios radicais, pero si outros puntos de vista", explica Alvite. O lector decidirá polos protagonistas en situacións "moi comúns do día a día". "Son cousas ás que nos enfrontamos todos, sempre nos queda a mosca detrás da orella ao pensar que podería pasar se actuase diferente. A novela xoga con ese morbo", destaca Alvite.

A diferenza da vida real, na novela o lector ou lectora si pode satisfacer esa curiosidade e saber que podería pasar se escollese outro camiño. Cada capítulo dispón de diagramas que serven de "axuda" para que quen le poida continuar a "lectura" no punto no que a deixou, pero que lle permiten coñecer ademais os camiños descartados.

Esta, como explica Roberto, é a única "axuda" que recibirá o lector, que non poderá adiantar ou atrasar o tempo, algo que recoñece vai a "contracorrente" da sociedade actual. "Non puxemos barra do tempo porque iría en contra da natureza do proxecto, algo moito máis lento, de sensacións; totalmente contrario á tendencia actual, de produtos máis rápidos, de vídeos curtos para Tiktok. Búscase a reflexión, dixerir o que vai pasando ante os teus ollos, na pantalla", recoñece o autor da historia.

MÁIS DE 10.000 DESCARGAS EN 30 PAÍSES

A pesar de ser un produto totalmente contrario aos que o rodean no mercado, a aplicación --dispoñible para IOS e Android-- acumula xa máis de 10.000 descargas en 30 países. O primeiro capítulo é gratuíto, e os restantes están dispoñibles nun pack por cinco euros; todos eles dispoñibles en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués.

O propio creador apunta que a app goza de gran aceptación en territorio asiático, zona que concentra moitas das descargas. Alvite achácao, en parte, a que este tipo de produtos necesitan dun "período de aprendizaxe, de adaptación"; "certa cultura audiovisual, que en occidente aínda non existe, e en Asia, onde videoxogos e novelas deste tipo son máis habituais, si".

A produción da historia supúxolle á produtora un "reto" desde o inicio mesmo, posto que se fraguou en plena pandemia. "Empecei a escribir a historia en abril de 2020 e acabou vendo a luz 15 meses despois. Aínda que a rodaxe soa levou sete días, o proceso de montaxe e programación foi máis longo", explicou.

FORMATO INNOVADOR, ÚNICO NO ESTADO

Esta novela visual, interactiva e inmersiva, é o primeiro proxecto deste tipo que se leva a cabo en Galicia e en España, onde non existe tradición aínda deste tipo de formatos. A pesar de todo, Alvite decidiu arriscar. "Ás veces, dá froitos. Hai todo un mercado por explotar a este respecto. Non hai que pecharse portas", destacou o creador, que si dá por concluída a historia de Álex e Sebas aos que, considera, deu "un final redondo".

"Nunca digas nunca e é verdade que, igual que a novela explora a historia dos protagonistas en diferentes momentos temporais --2013, 2016 e 2019--, podería abordarse, nun momento dado, a súa relación 10 anos despois, pero non é a intención", aseverou. Melgo Cinema continuará "experimentando" co mundo interactivo, con "híbridos" que "fusionen" cinema, literatura e videoxogo, aínda que sen deixar de lado o audiovisual "máis tradicional". "Imos tentar cubrir as dúas facetas, que en calquera caso son moi actuais", destaca Alvite.

Polo momento, e aínda que xa traballa noutros proxectos, Roberto Alvite estará este fin de semana en Pontevedra, na feira de Industrias Culturais, Culturgal, onde presentará 'Ti primeiro' xunto a outros membros do equipo. O proxecto conta coa colaboración da Deputación da Coruña, CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta