A Xunta defende que impulsará Galicia como "produtora e consumidora da súa propia enerxía"

Francisco Conde afirmou que a Xunta busca contribuír ao novo modelo enerxético mediante a cooperación entre cidadanía, pemes e administracións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou este mércores que Galicia busca "contribuír ao novo modelo enerxético a través da cooperación entre cidadanía, pemes e administracións". Conde expresouse así esta mañá durante a súa participación na xornada Comunidades Enerxéticas Locais, organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

O vicepresidente sinalou ademais que as comunidades enerxéticas locais favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, "axudando a crear emprego e fixar poboación no rural". "Cada día é máis evidente que a cidadanía, o tecido empresarial e os concellos galegos queren contribuír ao novo modelo enerxético de forma cooperativa, constituíndose como unha comunidade produtora e consumidora da súa propia enerxía de orixe renovable", asegurou Conde.

Entre as vantaxes que o departamento autonómico indica, presentan estas iniciativas, están a rebaixa dos custos enerxéticos dos socios, o aproveitamento dos recursos renovables e a contribución ao desenvolvemento social e económico do territorio onde se desenvolven. Aumentan ademais a independencia enerxética "fronte ás tensións que se están producindo no prezo da enerxía".

"As comunidades enerxéticas locais configúranse así como unha vía para mitigar a volatilidade do prezo eléctrico e para mobilizar capital privado cara aos obxectivos de transición enerxética", indicou Conde que, neste sentido, defendeu que o papel "como administración" ten que ser o de impulsar este tipo de proxectos.

A este respecto, o Inega conta con varias liñas de axudas que suman 37 millóns de euros para investimentos en renovables, autoconsumo e almacenamento enerxético das que as comunidades enerxéticas locais poden beneficiarse.

Arquivo - Francisco Conde, conselleiro de Economía na Radio Galega. RADIO GALEGA - Arquivo
Arquivo - Francisco Conde, conselleiro de Economía na Radio Galega. RADIO GALEGA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta