Alcaldes socialistas da provincia de Pontevedra reclaman á nova dirección do PSdeG un "xiro" na política do partido

Formoso asegura descoñecer as súas demandas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2021 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Un total de oito alcaldes do Partido Socialista na provincia de Pontevedra uníronse nunha "corrente propia" para reclamar un "xiro" na política do partido ás portas da celebración do XIV Congreso do PSdeG, tras o que levarán a cabo as correspondentes citas provinciais.

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

En concreto, trátase dos rexedores de Pontecaldelas, Andrés Díaz; Gondomar, Francisco Ferreira; Cuntis, Manuel Campos; Fornelos de Montes, Emiliano Lage; Vilaboa, César Poza; A Illa, Carlos Iglesias; Baiona, Carlos Gómez; e Tui, Enrique Cabaleiro.

En todas estas localidades, agás en Vilaboa, o secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, obtivo máis apoios que o seu rival nas primarias, Gonzalo Caballero.

Estes oito rexedores asinan un comunicado conxunto no que explican que manteñen "desde hai tempo" unha corrente de opinión propia dentro do partido a destacan que "se foron sumando cada vez máis alcaldes que teñen como punto común a crenza de que hai outra forma de facer política na provincia mantendo a lealdade á dirección provincial".

Tras sinalar que se trata dunha "forma de compartir experiencias municipais entre compañeiros do partido", informan da celebraron un encontro en Baiona no que analizaron cuestións como a chegada dos fondos europeos.

Así mesmo, detallan que, despois de analizar a situación política do partido Galicia, todos eles coinciden en que "a nova dirección que sairá do próximo congreso terá que dar un xiro á mesma".

Os rexedores tamén se refiren ao escenario de primarias que se celebrará a nivel provincial para asegurar que, "polo momento", optan por "manterse nun espazo neutral sen definir a súa postura de cara ao próximo conclave".

FORMOSO ASEGURA "DESCOÑECER" AS DEMANDAS

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, manifestou descoñecer as demandas dos oito alcaldes da provincia de Pontevedra, e dixo que está "centrado" na confección da executiva galega, un órgano que "vai executar a política de Galicia no próximos catro anos".

Con todo, tras coñecerse este comunicado conxunto, fontes próximas ao actual secretario xeral electo valoraron "positivamente" os catro anos de xestión da executiva provincial de Pontevedra, ao considerar que "fixo un bo traballo".

A CONTORNA DE CABALLERO TÁCHAO DE "MINI SINDICATO" DE ALCALDES

Pola súa banda, a integrante da dirección do PSdeG en funcións e deputada autonómica Paloma Castro, próxima Gonzalo Caballero, subliña que o PSdeG "é da militancia" e non dun "mini sindicato de alcaldes".

"A militancia socialista da provincia de Pontevedra apoiou a Gonzalo Caballero con claridade, gañando co 62% dos votos", recalcou antes de chamar a "remar entre todos e todas" para "seguir construíndo un partido forte na provincia".

Así mesmo, tras asegurar que con Gonzalo Caballero "os resultados electorais do PSdeG en toda Galicia e, concretamente na provincia, creceron", subliña que na formación socialista é "a militancia" a que decide.

Ademais, sostivo que "detrás deste grupo de alcaldes non se perfila proxecto político", senón que "máis ben parece derivarse de intereses concretos nos proxectos orgánicos".

Por último, aproveitou para instar a Formoso a "cumprir co seu compromiso e promesa de integración" de cara ao congreso. "A día de hoxe non hai contactos, nin diálogo nin acordos nin integración", censura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta