O Parlamento pide defender ao sector marítimo-pesqueiro dos "ataques inxustificados" do Goberno central

A PNL saíu adiante con 42 votos a favor e 32 abstencións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2021 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este venres en Pleno a Proposición Non de Lei defendida polo grupo popular este xoves para instar á Xunta de Galicia a defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria dos "ataques e obstáculos inxustificados" que recibe por parte do Goberno central.

A deputada Teresa Egerique, encargada de defender a proposta, detallou que a Proposición aborda tres aspectos, un deles --respecto da acuicultura e a cadea auxiliar de marisqueo--, a inseguridade xurídica que marca a modificación da Lei de Costas a través da Lei de Cambio Climático, "que ameaza a súa viabilidade en termos de concesións e asentamento de empresas".

O segundo aspecto, referente á pesca, "a incoherencia e descoordinación" por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que autoriza a pescar marraxo, e por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que lles impide vendelo, "causando un prexuízo económico para as frotas xa afectadas polos problemas derivados da situación de pandemia". Sobre isto último, criticou a postura do Executivo central respecto da vacinación dos mariñeiros.

Por último, afeou o recurso presentado polo departamento de Transición Ecolóxica contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023, que establece a organización das actividades e "contra o que non se efectuaron reclamacións en 30 anos".

Así, a deputada galega pediu "decisións que dean garantías ao sector, que o deixen respirar". "Todo isto é un pau na roda á industria galega. É moi difícil exercer competencias cando as modificacións das normativas sectoriais van nesta liña. Ninguén dubida que hai que actuar en favor do cambio climático, pero non así. As decisións tómanse sen previo diálogo", asegurou.

Pola súa banda, o grupo socialista mostrouse "de acordo" cos puntos enumerados na inciativa pero, tal e como explicou a parlamentaria Patricia Otero, propuxeron unha emenda de substitución dado que "comparten o fondo, pero non a forma", e lamentou a retórica empregada na proposición popular, que piden eliminar. "Non é certo que queiran defender os intereses da cadea mar-industria, a súa vontade real é criticar e buscar a confrontación co Goberno central", sinalou.

Polo seu lado, a deputada nacionalista Rosana Pérez incidiu en que a Xunta "non trata con seriedade os problemas do sector, que son moitos" e censurou que practiquen unha "política máis partidista que nunca". Ademais, lembraron que esta iniciativa é unha "copia" doutra xa proposta do BNG, "que xa foi a varios plenos e comisións".

Finalmente, non aceptaron a emenda do PSdeG e si o primeiro punto da do BNG, aínda que non o segundo. A PNL saíu adiante con 42 votos a favor e 32 abstencións.

Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA - Arquivo
Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta