Vinte cantantes competirán esta fin de semana nun certame de canto lírico

Este certame ten un carácter internacional xa que polo Auditorio pasarán cantantes de once nacionalidades diferentes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/12/2021 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Consello da Cultura Galega, convoca o IV Concurso de Canto Compostela Lírica tras o éxito de participación e público das tres primeiras edicións.

Un total de vinte solistas competirán esta fin de semana no certame, que se celebrará no Auditorio de Galicia. O escenario da Sala Ángel Brage acollerá o sábado unha fase eliminatoria que determinará que voces actuarán o domingo na final.

Neste 2021, o certame continúa a súa senda de consolidación e podemos destacar o gran nivel que atopamos entre as 20 voces seleccionadas. Hai participantes moi experimentados que actuaron xa en grandes prazas e en competicións de primeira orde", explicou Jesús Couceiro, presidente da Asociación de Amigos da Ópera, nunha rolda de prensa.

Na rolda, sinalouse tamén o carácter internacional de concurso, xa que polo Auditorio de Galicia pasarán cantantes de once nacionalidades diferentes: España, Colombia, Venezuela, Ucraína, China, Irlanda, Portugal, Serbia, Reino Unido, Brasil e Francia. Como gran novidade neste ano, contarase cunha presentadora de luxo: Mabel Rivera.

PREMIOS DO CERTAME

Este ano, o certame outorgará un primeiro premio, dotado con 4.000 euros e con tres recitais remunerados (un coa Real Filharmónica, outro no marco do Festival Les Musicales du Luberon e outro coa Orquestra de Oviedo).

O segundo premio recibirá 1.500 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela. Ademais, as voces de orixe galega competirán por un galardón propio, consistente nunha actuación remunerada dentro da programación anual do Consello da Cultura Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta