Non se ve luz no tunel do financiamento autonómico

O sistema de financiamento autonómico vixente foi aprobado no ano 2009 e, tal e como se contempla na normativa existente, debía ser revisado en 2014.Existe, por tanto, unha escandalosa demora de 7 anos que merece unha mínima reflexión previa.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/12/2021

Comparte esta noticia
A pesar de que, no 2014, o PP dispuña dunha ampla maioría absoluta no Congreso, Mariano Rajoy non foi quen de establecer un proceso de diálogo e negociación que posibilitase o nacemento dun novo modelo de financiamento público. A explicación dese fracaso pivotou sobre dúas premisas: a negativa do goberno daquel momento a contemplar unha asignación adicional de recursos para ampliar o tamaño da “tarta” que debía ser obxecto de reparto entre as CCAA e o rexeitamento absoluto das propostas formuladas por Artur Mas -nese tempo presidente da Generalitat- favorábeis a unha formula específica para Cataluña (inserida nunha filosofía análoga á que figura no concerto do Pais Vasco e no convenio da Comunidade Foral de Navarra). Rajoy aplicou, sen complexos, a lóxica da redución do gasto público que emanaba das directrices e discursos dos responsábeis da “troika” e, ao mesmo tempo, optou polo nihilismo no tratamento do conflito catalán, pensando que o paso do tempo resolvería o problema sen necesidade de tomar medidas ambiciosas.
 
Como é sabido, a fixación das características do financiamento das CCAA ten moita importancia polas relevantes competencias asignadas ás institucións de autogoberno, nomeadamente aquelas que atinxen a prestacións públicas básicas (ensino, sanidade, dependencia, servizos sociais...). Tamén resultan moi determinantes as fórmulas que se establezan para concretar o nivel de autonomía fiscal que posúe cada Facenda territorial para recadar o volume de ingresos que permita acometer os servizos públicos encomendados cun nivel de suficiencia apropiado.
 
Na última década ten habido moito debate a respecto do papel que deberían xogar as chamadas balanzas fiscais no proceso de negociación do financiamento das CCAA. A dificultade na utilización desta ferramenta deriva, nunha boa medida, da súa propia natureza. As balanzas fiscais son fotografías parciais da realidade. As relacións económicas entre dous ou mais territorios non poden ser reducidas á contabilización dos fluxos monetarios que se rexistran entre eles (a través dos impostos e cotizacións sociais e dos gastos e investimentos das administracións públicas de referencia). Estes fluxos non reflicten completamente a realidade pasada e presente das relacións económicas tecidas no ámbito do Estado español. Deberíanse analizar simultaneamente, por exemplo, os fluxos de mercadorías, de man de obra, de recursos financeiros e o custe dos impactos medioambientais derivados do modelo de crecemento rexistrado nas últimas décadas.
 
Non existe, por outra banda, un consenso inequívoco (entre os especialistas e, moito menos, entre os representantes das institucións políticas) a respecto dos criterios de contabilización que deben ser empregados no cálculo das devanditas balanzas. Resulta moi discutíbel, por exemplo, o método que se debe seguir para computar as cotizacións e as pensións do sistema da Seguridade Social: os cambios de residencia operados polos beneficiarios poden distorsionar parcialmente os resultados. Os criterios de imputación do imposto de sociedades, dos fondos europeos ou dos intereses da débeda pública tamén ofrecen unha ampla marxe de polémica.
 
A autonomía ou soberanía fiscal e a suficiencia de recursos (necesaria para asegurar un nivel de benestar colectivo equiparábel aos niveis medios estatal e europeo) son dous problemas que están relacionados pero que teñen unha natureza diferente e que deben merecer argumentos singulares aínda que loxicamente compatíbeis. Non resulta apropiado pretender lexitimar -explícita ou implicitamente- o nivel de autogoberno en termos de poder fiscal en base ao saldo que teñan as distintas Comunidades coa Facenda estatal. Noutras palabras: a dimensión da autonomía fiscal non debería estar correlacionada exclusivamente co nivel de riqueza relativo de cada territorio.
 
Para que haxa un novo sistema de financiamento autonómico requírese un nivel de acordo político que hoxe aínda non se percibe como verosímil. Ademais das diverxencias anteriormente sinaladas, hai dous aspectos que complican a resolución deste contencioso. Un deles ten que ver co nivel de bilateralidade que debe existir antes de formalizar nun foro multilateral -o Consello de Política Fiscal e Financeira- o contido final do modelo. Nas décadas pasadas, rexistrouse unha negociación previa entre a Generalitat e o goberno do Estado (así pasou con Felipe González, Aznar e Zapatero) que serviu de base para un posterior pacto multilateral. A situación actual pola que atravesa a política catalana vai dificultar a repetición dun proceso desas características.
 
Por outra banda, a forte dinámica de centralización económica focalizada na Comunidade de Madrid e a política fiscal desenvolvida polos responsábeis políticos dese territorio, suscita a necesidade de arbitrar fórmulas de harmonización que neutralicen a pretensión de instalar unha sorte de “paraíso fiscal” no interior do Estado español.
 
As dificultades son moi notábeis e as vontades políticas concernidas non semellan moi acaídas para acadar semellante obxectivo. O escepticismo sobre o resultado final está, pois, servido.

Constitución da Comisión especial e non permanente de estudo para abordar a proposta de Galicia ante a reforma do sistema de financiamento autonómico. PARLAMENTO DE GALICIA
Constitución da Comisión especial e non permanente de estudo para abordar a proposta de Galicia ante a reforma do sistema de financiamento autonómico. PARLAMENTO DE GALICIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.