Galicia en Común interpón unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta por reabrir a mina de San Finx

As confrarías de Noia e Portosín en contra da autorización "ilegal" de verquidos de augas desta mina porque chegarán á ría.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/12/2021 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común interpuxo unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta de Galicia a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino e asinada por varios  colectivos medioambientais:  Ecoloxistas en Acción Galiza, Plataforma  pola Defensa  do Mar da Comarca Muros-Noia, Asociación Ambiental e Cultural Tralapena e a Fundación  Montescola. 

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame | Fonte: Ecoloxistas en Acción

“Hai que esixir responsabilidades polo que está a ocorrer na Ría de Noia. Agradecemos o traballo que levan facendo tantos anos as asociacións ambientais. Isto é unha denuncia que sinala directamente ao modelo de explotación do noso territorio exercido pola Xunta de Galicia”, explicou Gómez Reino. 

A contaminación producida pola mina de San Finx atenta contra a saúde das persoas e pode chegar a deter os procesos produtivos desta comarca. Desde Unidas Podemos estamos totalmente comprometidas e mostramos o noso gran apoio e recoñecemento ás persoas que traballan defendendo a nosa natureza”. 

Na rolda de prensa Roberto Vilela, de  Ecoloxistas en Acción, alegou que “é un problema ambiental que vén de décadas atrás e do que a Xunta é  coñecedora”. José Romarís, de Plademar, sinalou que “doce postos de traballo non poden poñer en risco o traballo de miles de persoas”.  Lucía Rodríguez, de  Montescola, engadiu que esta denuncia non é o fin, senón o comezo dun proceso moito máis longo. 

CONFRARÍAS

Por outra banda, as confrarías de Noia e de Portosín, xunto co Concello de Outes e a empresa de acuicultura Olvimar S.L presentaron en conxunto alegacións en contra dos verquidos de augas residuais que a Xunta de Galicia quere realizar nas minas de San Finx.

Para este servizo contaron con Steven H. Emerman, experto na evaluación de proxectos mineiros con máis de 30 anos de experiencia. Este realizou un estudo do proxecto no que se propón bombear auga das galerías subterráneas abandonadas para eliminar cadmio, zinc e cobre para o seu posterior vertido no Río Pesqueira.

"O proxecto de tratamento da auga presentado pola citada empresa basease en só unha semana de datos dun proxecto piloto de 11 semanas", explican as entidades. O uso do conxunto dos datos do proxecto piloto predice que o vertido de cadmio e zinc excederá as Normas de Calidade Ambiental-Media Anual (NCA-MA) para España.

"O proxecto e a explotación da mina carece de avaliación de impacto ambiental. As dúas presas existentes están en serio risco de derrubamento e xunto ás escombreiras están a contaminar o río e a Ría.

Por todo isto, tanto o Concello de Outes, Olvimar S.L e ambas confrarías opóñense ao proxecto de verquidos da Xunta de Galicia que "pon en serio perigo o sustento de milleiros de familias que viven da pesca, marisqueo e da acuicultura na Ría de Muros e Noia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta