Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 23/12/2021 | Actualizada ás 10:27
A deputada autonómica do PSdeG Paloma Castro presentou este pasado mércores a súa candidatura para aspirar a liderar o PSOE na provincia de Pontevedra, un proceso para o que tamén se postulou o actual secretario xeral, David Regades.
En declaracións a Europa Press, a parlamentaria autonómica, que é próxima ao anterior secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, explicou que decidiu dar un paso adiante "en positivo", co obxectivo de dar representación a "unha sensibilidade" que existe no partido nestes momentos. "Temos que facer unha candidatura que axunte un sentimento da provincia", explicou a socialista, que abriu o seu proxecto a todos os socialistas que compartan o seu ideario. "Nesta candidatura cabe todo o mundo", dixo.
Ademais, destacou que é o momento de que "algunha muller dea un paso adiante". "Sempre estamos atrasadas e é hora de que demos o paso", subliñou. A deputada autonómica, que foi a responsable de Xustiza na executiva do PSdeG que lideraba Gonzalo Caballero, formalizou a súa candidatura a través de correo electrónico na tarde deste mércores.
Paloma Castro dá deste xeito un paso adiante para competir co actual secretario xeral provincial David Regades, cargo afín ao alcalde de Vigo, Abel Cabellero. O calendario aprobado polo comité provincial do PSOE pontevedrés inclúe a celebración de primarias o día 23 de xaneiro e a celebración do congreso o 12 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.