A Xunta asegura que a contención mecánica de pacientes no Psiquiátrico de Conxo é "puntual"

O BNG denuncia "graves carencias" e "irregularidades" no tratamento dos internos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O xerente do Sergas, José Flores, limitou a "casos puntuais" o uso da contención mecánica en pacientes ingresados no Hospial Psiquiátrico de Conxo, a unha pregunta do BNG na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego. Nela, a deputada do BNG Iria Carreira denunciou "graves carencias" no hospital, que vinculou cun "abandono" do mesmo por parte da administración. "Hai carencias estruturais", dixo, sumando a iso as denuncias do Defensor do Pobo que alertou de "irregularidades" na atención a pacientes e que volveu a denunciar a representante nacionalista.

Sobre a Covid, manifestou tamén que "non hai un plan de contixencia específico neste hospital". "Non hai un protocolo de prevención de suicidios e hai un abuso no uso de mecanismos de contención" dos pacientes. Ademais, aludiu a un trato desigual entre homes e mulleres ingresados. Na súa resposta, o xerente do Sergas sentenciou que se está realizando un "diagnóstico" para adoptar "estratexias de futuro", pero defendeu o labor da administración. Tamén asegurou que se está traballando para seguir "as recomendacións do Defensor do Pobo".

Respecto da contención mecánica de pacientes, vinculouno con "procesos puntuais e pouco frecuentes" e sempre, insistiu, en base a uns sistemas "protocolizados". Con todo, incidiu en que o obxectivo da Xunta é ir "a unha contención cero". Nesta mesma Comisión, interveu o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, en resposta a unha pregunta exposta pola deputada do PP Marta Rodríguez-Vispo, sobre o desenvolvemento da nova lei de ordenación farmacéutica de Galicia.

Fuentes fixo un repaso dos pasos dados e avanzou que o obxectivo é que en xaneiro ou febreiro do próximo ano poida levar ao Consello da Xunta o decreto que regula os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación de medicamentos nas oficinas de farmacia.

OUTROS ASUNTOS

Noutra orde de cousas, tamén nesta Comisión, a deputada socialista Marina Ortega demandou á Xunta máis recursos para abordar o "uso problemático de Internet" por parte de adolescentes. En concreto, expuxo un plan para actuar no ámbito da prevención. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, apelou neste sentido ás iniciativas transversais de concienciación e sensibilización, ademais de aludir, como outra ferramenta, ao anteproxecto de lei de prevención de adiccións en menores que se está ultimando.

As actuacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue tamén centraron a última parte da Comisión. Na súa intervención, a súa directora, Marisa López, anunciou un investimento de 360.000 euros para unha nova unidade móbil en Ourense.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta