A CIG pide a forzas nacionalistas e de esquerda "impedir a continuidade" da reforma laboral de Yolanda Díaz

Di que é unha reforma "inxusta" que "consolida, con novas formas, a precariedade e a centralización das relacións laborais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A CIG pide ás forzas nacionalistas e de esquerdas "emendar na súa totalidade" no trámite parlamentario a reforma laboral que aproba este martes o Consello de Ministros e "non validar co seu voto" un diálogo social que "se converteu no enterrador dos dereitos da clase obreira".

"Canto máis se coñece do texto acordado entre o Goberno central, CC.OO., UGT e a patronal, máis se confirma, como xa denunciamos o pasado 23 de decembro, que non estamos ante a derrogación das reformas anteriores, senón ante a súa actualización para adaptala ás duras e inxustas esixencias da UE para acceder aos fondos Next Generation", afirma a central nacionalista.

É, ao seu xuízo, unha reforma "inxusta" que "consolida, con novas formas, a precariedade e a centralización das relacións laborais e que non permite, por tanto, a recuperación dos dereitos roubados nin avanzar na conquista de novos dereitos para a clase traballadora". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte de que na actual situación de crise que atravesa "con especial crueza" Galicia esta reforma "profundará no empobrecimiento" e facilitará "a destrución do tecido produtivo".

Denuncia que hai "un reforzo sen precedentes do marco estatal" de relacións laborais que tacha de "ataque frontal" ao galego, tanto na negociación colectiva "como en calquera outro ámbito" do mundo laboral. No relativo ao novo sistema de ERTE, subliña que a patronal terá "carta branca" e flexibilidade "total", para mandar ao paro "con todas as facilidades, gratis e a conta do salario e a prestación por desemprego" dos traballadores.

Constitúe un "ataque á liberdade e pluralidade sindical" xa que "toda a referencia ás xestións destas regulacións temporais queda en mans dos sindicatos estatais".

En suma, Carril critica que "durante meses venderon que a derrogación da reforma laboral ía chegar da man do diálogo social" pero "hoxe confírmase a trampa": "nin hai derrogación nin tampouco unha lexislación que permita a creación de novos dereitos que fortalezan á clase traballadora", asevera.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta