‘Allariz acollerá ao Rei Emérito’

O Concello de Allariz foi noticia no ‘Día dos Santos Inocentes’ a raíz dun bando moi curioso. Nel informábase, entre outras cousas, de que Don Xoan Carlos I sería acollido na vila do Arnoia.

Por X.M. Fernández | Allariz | 29/12/2021 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

Segundo soubo esta redacción, dende hai uns anos uns veciños e unhas veciñas anónimos/as de Allariz teñen por tradición facer algunha falcatruada no Día dos Santos Inocentes involucrando ao concello. 

Bando e foto do Rei Emérito. Imaxe: Concello de Allariz
Bando e foto do Rei Emérito. Imaxe: Concello de Allariz

Chegada a data do 28 de decembro elaboran unha inocentada e divúlgana na decoración de Nadal e en diferentes puntos de Allariz. Nesta ocasión tiveron a idea de involucrar á Casa Real e ao Rei Emérito nun bando ficticio do concello que correu no día de onte polas rúas e polas redes sociais da vila ourensá.

No curioso Bando Municipal informábase dun ‘acordo inminente’ da Casa Real e o Ministerio de Asuntos Exteriores para que Allariz fose a vila de acollida para a volta do Rei Emérito Don Xoan Carlos I no seu retorno a España. E ao mesmo tempo convidábase á veciñanza a engalanar balcóns e fiestras para darlle a benvida.

O lugar de acollida sería o Convento de Santa Clara, “a pensión completa desfrutando do seu marabilloso claustro”, rezaba o bando ao tempo que xustificaba a decisión tomada en favor da repercusión nacional e internacional co conseguinte retorno económico, político e social para Allariz.

E non quedaba aí a cousa. Grazas a esta “acollida real”, o concello tería unha serie de melloras para a poboación como, por exemplo, a chegada do AVE á vila, a creación dun parque eólico para abastecer á veciñanza de luz, e acordos con Iberdrola e Naturgy para ter descontos nos recibos de auga, luz e gas para familias censadas no concello.

A broma deu moito que falar e fíxose viral nas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta