Novas xestións dos montes: Couso, de vertedoiro municipal a referente ecolóxico

A Comunidade de Montes de Couso está a impulsar un 'Bosque da Lingua', un lugar para a divulgación medioambiental e o achegamento á lingua galega. Máis outra iniciativa dunha comunidade que converteu un vertedoiro nun lugar onde devolverlle ó valor ao monte. O labor dos comuneiros foi recoñecido pola propia ONU.

Por Alicia Casas | PONTEVEDRA | 09/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sobreiras, carballos, castiñeiros, cerdeiras, nogueiras, amieiros, bidueiros, loureiros... Con todo tipo de árbores a Comunidade de Montes de Couso está a reforestar o monte de As Rasas, en Gondomar, que noutrora fora un vertedoiro. E xunto as árbores aparecerán os nomes. A información sobre a orixe, utilidade, propiedades, poemas, textos de científicos ou escritores ou artistas.

Zona de baño e lecer constriuída pola comunidade de Couso.
Zona de baño e lecer constriuída pola comunidade de Couso. | Fonte: Comunidade de Montes de Couso

Levará por nome 'Bosque da Lingua' e o espazo nace cunha dobre intención: potenciar o coñecemento medioambiental e ter un achegamento á lingua galega, sobre todo nos máis cativos. "Estamos perdendo falantes entre a xente máis nova e a intención é contribuír a que se poida recuperar a lingua", comenta Xosé Antón Araúxo, membro do equipo directivo da Comunidade de Montes de Couso.

A iniciativa da comunidade, en colaboración coa entidade de custodia Verdeval e o Instituto de Estudos Miñoranos, pretende crear “un lugar para interiorizar as artes, a ciencia, o compromiso ecolóxico, o monte vivo, palestras, un enclave para gozar de propostas lúdicas en equilibrio coa natureza” e coa lingua coma pano de fondo. Para iso, ao carón do bosque de frondosas autóctonas, construirán un parque vivo con materiais naturais para as crianzas. Tamén un anfiteatro para que entidades (colectivos, asociacións, colexios...) poidan organizar xornadas de divulgación do medioambiente, recitais, obras de teatro ou calqueira outro tipo de evento.

Iso sería a primeira fase do proxecto, explica Xosé Antón Araúxo, porque habería unha segunda que consistiría en dixitalizar o 'Bosque da Lingua' para que cunhas gafas 3D se puidera visitar o lugar dende calquera casa. Esta segunda fase levaríase a cabo no caso de acadar todo o financiamento necesario, que estimaron en algo máis de 21.600 euros. Para darlle viabilidade ao proxecto iniciaron unha campaña de crowdfunding que durará seis meses e, no caso de non acadar o obxectivo nese tempo, se estenderá outros tres meses máis.

A recollida de fondos prevé achegas dende os 10 ata os 300 euros, con diferentes contraprestacións asoaciadas a cada contía. "Pode ser un bote de marmelada de arando ou framboesa, un shiitake para o seu cultivo, unha entrada para un concerto que pretendemos facer, acceso á nosa zona de baño ou un espazo no Bosque das Memorias", conta Xosé Antón Araúxo.

Bosque das Memorias, nos montes de Couso.
Bosque das Memorias, nos montes de Couso. | Fonte: Comunidade de Montes de Couso

Os froitos do bosque, o cogomelo estrela da cociña asiática, a música, a pisicina comunal integrada na natureza e o sitio para a lembranza dos seres queridos que xa non están, son todos proxectos que a comunidade vén desenvolvendo baixo un propósito: diversificar o uso do territorio cun fin social, entendendo o monte como un recurso de valor multifuncional e fonte de recursos inesgotábel.

Que o monte veciñal se enfoque no aproveitamento multifuncional do monte parte tamén dunha premisa. A venda de madeira, a plantación de especies coma o eucalipto ou o piñeiro,  é só rendible para as grandes empresas.

ELIMINAR EUCALIPTOS CON COGOMELOS

Ademais do cultivo de arandos, grosellas e framboesas (aos que dan saída en marmeladas), a comunidade de Couso enfocouse na produción de castaña e no cultivo de shiitake. E o que comezou como un proxecto experimental está agora en camiño de converterse en explotación.

O shiitake é un fungo de orixe xaponés fundamental na cociña asiática que ten cada vez maior proxección na gastronomía mundial, debido ao seu sabor pero tamén ás súas propiedades medicinais, nomeadamente contra as células canceríxenas. Dende o monte veciñal utilízana para comercializala e favorecer a creación de postos fixos de traballo e, ademais, serve como ferramenta para a eliminación de eucaliptos. 

Trala talla de eucaliptos nas parcelas para levar a cabo a reforestación con autóctonas, inoculan no tronco que queda o fungo. Así, o fungo transforma a biomasa en cogomelos de alto valor culinario e impide o rebrote. "Naquelas árbores que cortamos e queremos eliminar, inoculamos o shiitake e conseguimos, ademais de eliminar os eucaliptos, ter un rendemento económico", explica Xosé Antón Araúxo.

Con todo, o comuneiro dá conta das dificultades que teñen en Couso para comercializar os seus produtos no mercado: "Só producir e chegar a envasar resúltanos máis caro do prezo final ao que venden estas multinacionais". A distribución, relata, é a parte máis complicada e non contan con axuda de ningunha das administracións. "Buscámonos a vida pola nosa conta e cos poucos recursos que temos, polo que por agora só somos capaces de vender o noso produto na contorna de Vigo", di.

A TRANSFORMACIÓN DUN VERTEDOIRO RECOÑECIDA POLA ONU

"O lecer tampouco o descoidamos", afirma o comuneiro para engadir despois que, ademais das dúas rutas de sendeirismo que organizan no monte (a ruta dos muíños e a ruta arqueolóxica), están a traballar nunha terceira. Non é a única das iniciativas impulsadas en prol do monte como recurso recreativo.

Foi despois do confinamento cando o monte veciñal decidiu construír, integrada na natureza, unha zona de baño. Unha piscina comunal que custou arredor de 6.000 euros e á que é posible acceder a cambio de contribuír a desenvolver o 'Bosque da Lingua'. Ao carón del está o 'Bosque da Memoria', que xurdiu no 2019 para reforestar a zona que estaba ocupada por invasoras e para ter un lugar de culto. Para honrar e lembrar aos que xa non están.

A andaina deste monte veciñal comezou no 2008, cando se puxo en funcionamento a nova directiva. Conta Xosé Antón Araúxo que antes en Couso houbera unha comunidade de montes que era un apéndice do Concello, a quen lle permitía cortar broza no monte a cambio de promesas de obras. Un monte desordenado, un problema grande de especies invasoras e moitos vertedoiros. Hoxe o labor da Comunidade de Montes de Couso foi recoñecido pola ONU, no 2019 entraron a formar parte do rexistro de Áreas Conservadas por Comunidades Locais (ICCA), e recentemente foron nominados nun premio nos EEUU.

Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar.
Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar. | Fonte: Comunidade de Couso
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Canto cobran por acceder á piscina comunal ?

1 José

Pero todo iso en cantas hectareas?