Temas: FRASEOLOXíA

“Darse a máis novo”, equivalente á castelá “aparentar ser más joven”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 09/01/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que unha persoa, pola súa aparencia externa, dá a impresión de ter menos anos dos que na realidade ten, en castelán é moi habitual escoitar dicir dela que aparenta más joven (de lo que es).

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

En galego, amais da secuencia que se viría a corresponder en paralelo coa de castelán, dispomos doutra expresión máis tradicional e enxebre: dáse a máis nova (do que é).

Aparentar ser más joven (de lo que es)

{= Aparentar alguén, polo seu aspecto físico e/ou aparencia externa, ter menos anos dos que na realidade ten.}

Darse a máis novo (do que é)

Darse a máis mozo (do que é)

● Tamén:

Facerse máis novo # máis noviño (do que é)

● Tamén:

Aparentar ser máis novo (do que é) && Aparentar ser máis mozo (do que é)

● Tamén, máis ou menos acaídas en función de que a persoa en cuestión non pareza ter demasiados anos:

Darse a novo # a noviño && Darse a mozo # a mociño

NOTAS:

1. Botando man desta mesma secuencia, e simplemente mudando a voz novo por vello (isto é, darse a máis vello), teremos unha equivalencia da castelá aparentar ser mayor (de lo que es). Equivalencia que entendemos que presenta unha maior enxebreza ca aparentar ser máis vello (do que é)... e xa non digamos ca aparentar ser maior (do que é).

Ex.: Los excesos en los tiempos jóvenes pasan factura, y el cuerpo tiene memoria: por eso ahora aparenta ser bastante mayor de lo que es, aunque no pasa de los cincuenta.

Os excesos nos tempos de cando un é novo pasan factura, e o corpo tenvos memoria: é por iso que agora se dá a bastante máis vello (do que é), inda que non pasa dos cincuenta.

2. Cómpre salientar que as expresións reflectidas neste artigo poden compartir espazos de uso coas que veremos na vindeira entrega, que son as correspondentes ás castelás estar alguien bien conservado o conservarse bien alguien.

3. En relación co comentado no punto 1, e malia non haber dúbida de que as secuencias comparativas ser maior ca... (no sentido de ter máis anos ca...) e ser menor ca... (no sentido de ter menos anos ca...) son absolutamente correctas na nosa lingua, se cadra tampouco está de máis lembrar que as expresións ser máis vello ca... e ser máis novo ca... é posible que sexan máis tradicionais e enxebres, e de uso máis amplo entre os falantes naturais de galego.

Ex.: No, no somos de la misma edad. Ella es mayor que yo.

Non, non che é de canda min. Éche máis vella (ca min).

E nunha liña moi semellante, e con respecto as secuencias substantivo + maior (=de máis anos ca aqueloutro/s que serve/n de comparanza) e substantivo + menor (=de menos anos ca aqueloutro/s que serven/n comparanza), non deberiamos esquecer que tamén dispomos das expresións substantivo + máis vello e substantivo + máis novo, respectivamente, que parece que se están a perder case a marchas forzadas tanto entre os falantes máis novos coma entre os neofalantes.

Ex.: La hermana mayor es esa que acaba de entrar. && La hermana menor es esa que acaba de entrar.

A irmá máis vella é esa que acaba de entrar. && A irmá máis nova é esa que acaba de entrar.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta