A Xunta prevé facer unha "repesca" na vacinación dos menores de 5 a 11 anos para a fin de semana

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, espera que despois desta vacinación transcorra o número axeitado de semanas para poder aplicar a segunda dose.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2022 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade prevé acabar de "ofrecer a vacinación ao 100%" da poboación de 5 a 11 anos para recibir a dose pediátrica contra a Covid-19, tras a chegada doutras 36.000 vacinas este luns para estes menores.

Así o confirmaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios en senllos actos en Silleda e Ourense, respectivamente.

"Como estaba previsto imos vacinar o 11, 12 e o 13 (de xaneiro)", explicou Comesaña, que puntualizou que agora se trata de "nenos de idade máis pequena", polo que acordaron "coas unidades de vacinación a conveniencia de separar no canto de en dous días en tres para ir máis folgados, porque son nenos que requiren un pouco máis de atención". "E probablemente fagamos algún tipo de repesca o sábado", avanzou.

"E con isto finalizariamos a administración de todas as doses", sostivo o titular de Sanidade, quen confía en que con estas últimas 36.000 doses recibidas Galicia poderá "ofrecer a vacinación ao 100% dos nenos entre 5 a 11 anos". E, aínda que todas as recibidas non suman as 150.000 vacinas que corresponden á poboación diana galega desa idade, "tendo en conta aos que non puideron vir por distintos motivos" espera poder "convocar a todos os desta franxa de idade esta mesma semana", abundou Comesaña.

OUTROS 12.000 NENOS

Respecto diso, o titular da Xunta destacou que todo iso "vai permitir acabar esta semana con toda a poboación de 5 a 11 anos vacinada cunha dose" contra a Covid-19.

Feijóo insistiu que en que a terceira semana de vacinación deste colectivo pediátrico --ao que se comezou a vacinar o 15 de decembro-- desenvolverase en xornada de tarde este martes, mércores e xoves, mentres que o sábado está previsto "un chamamento a todos os nenos que non puideron acudir". "Chamaremos a outros 12.000 nenos e nenas desa idade para inocular a primeira dose", declarou.

"E esperemos, por tanto, que a inmensa maioría, polo menos todos os que queiran, poidan quedar vacinados a finais desta semana", afirmou, en relación á primeira dose.

Posteriormente, explicou, esperarase "a que pasen as semanas adecuadas para seguir coa segunda dose". A estes menores en idade comezóuselles a vacinar o pasado 15 de decembro coa primeira dose tras a chegada dunhas 60.000 vacinas. A pasada semana, o 4 e 5 de xaneiro, continuou o proceso cunhas 36.000 doses, ás que se suman outras tantas chegadas este luns para inocular esta semana.

Con todo, Feijóo resaltou que Galicia representa a comunidade con "maior porcentaxe de vacinación e con menor presión hospitalaria". "Gustaríanos seguir mantendo este ranking de certa estabilidade dentro dunha pandemia como a que estamos a vivir", concluíu o presidente autonómico.

DATOS

No referido a a vacinación infantil --os datos que publica a Cosnellería de Sanidade non separan o grupo etario da poboación pediátrica en proceso de inmunización de 5 a 11 anos--, ata o momento foron vacinados en Galicia 113.915 menores de 10 a 14 anos, que supoñen 21 máis que os rexistrados ata o día anterior; e 44.261 de 5 a 9 anos, tras engadirse outros 25.

Pola súa banda, segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidad con data do 7 de xaneiro, correspondente á vacinación pediátrica ata o día 6 deste mes, Galicia vacinou a 83.869 menores de 5 a 11 anos con polo menos unha dose dunha poboación diana desas idades de 155.893, o que supón o 53,8% --a última vacina púxose o día 5--. Iso sitúa a galega á cabeza das comunidades autónomas na inmunización destes nenos.

Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta