Miñones asegura que o Goberno mostra "a través do BOE" o seu compromiso con gandaría "máis sustentable"

O delegado do Goberno considera necesario "menos ruído" e "máis xestión".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que o Executivo estatal mostra "a través do Boletín Oficial do Estado" (BOE) o seu compromiso cunha gandaría "máis sustentable". Así se pronunciou este venres ao ser preguntado nun almorzo informativo ofrecido en Santiago de Compostela pola polémica xurdida por mor dunhas declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre o sector da carne e as críticas realizadas por parte do Partido Popular.

Miñones, que considerou necesario "menos ruído" e "máis xestión", subliñou que o Goberno fala "a través do BOE". "Non imos a esa política de declaracións, senón que é unha política de feitos e aí témolo claro, como se demostra no BOE coa publicación continua de regulacións" orientadas a "unha gandaría máis sustentable".

Entre outras medidas, lembrou que esta semana se aprobou a exposición pública do Real Decreto para o sector lácteo que fixa na cadea alimentaria criterios para que os "gandeiros non sexan prexudicados polas perdas. "Aí é onde temos que seguir actuando", sostivo Miñones, que puxo en valor tamén a intención do Executivo estatal de limitar a unhas 700 as reses nas explotacións de vacún, fronte ás propostas de granxas con ata "20.000 vacas".

"É a liña de traballo que temos que estar a facer, a liña do BOE", indicou para asegurar que os gandeiros saben que o Goberno os "apoia", que está coa "gandaría o día a día" e que tamén o fai con "investimentos" e "feitos".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comparece ante os medios en Santaigo de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comparece ante os medios en Santaigo de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

O GOBERNO MÁIS INVESTIDOR EN GALICIA

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, erixiu ao Goberno no "máis investidor" da historia en Galicia, tras destinar 5.000 millóns de euros en 2021 para saldar "débedas históricas" coa Comunidade e a súa cidadanía.

"Falamos de investimento directo do Goberno en Galicia durante o ano pasado, á que se unen compromisos que van máis aló dos investimentos", explicou durante a presentación do balance semestral de rendición de contas 'Cumprindo', celebrada en Santiagode Compostela.

Na súa intervención, destacou que o Goberno de Pedro Sánchez certificou no último ano un investimento en Galicia que rolda os 5.000 millóns de euros; "unha parte moi significativa en transferencias directas á Xunta para educación, sanidade, vivenda, servizos sociais e políticas de emprego", proseguiu.

Así, sostivo que en 2021 o Executivo avanzou en "compromisos históricos" que marcan un antes e un despois para Galicia. Neste sentido, referiuse a a posta en marcha da alta velocidade ferroviaria, ás bonificacións nas peaxes da AP-9, así como á modernización da liña ferroviaria entre Ourense e Lugo.

Ademais, dixo que están garantidos a ligazón ferroviaria ao porto exterior da Coruña e as fragatas F-110 en Ferrol e que se certificou o importante compromiso co Xacobeo coa mobilización de 80 millóns en modernización turística e restauración de patrimonio nos últimos dous meses.

"Se falamos de investimentos e compromisos históricos cumpridos,falamos do Goberno máis galego da historia. É máis, se a galeguidade medímola en investimentos e compromisos cumpridos, atrévome a dicir que Pedro Sánchez é o presidente máis galego da historia; o que máis se preocupou e ocupado de Galicia. O que máis inviste en Galicia e o que máis compromisos cumpre con Galicia", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta