Piden recuperar as frecuencias e horarios no transporte por estrada entre Ferrol e A Coruña

Convocan dúas concentracións desde a plataforma constituída por veciñanza e que integran varios colectivos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A 'Plataforma por un transporte público digno de Ferrol e comarca' demandou á Xunta "o restablecemento inmediato dos servizos e horarios que se ofertaban coa anterior concesionaria, tanto en servizos directos por autoestrada como indirectos por estrada", neste caso coa cidade da Coruña, ademais do "restablecemento dos servizos que se prestaban a outros colectivos, como estudantes ou traballadores", tal e como manifestou Teresa Vázquez, portavoz deste colectivo.

Ditas manifestacións realizounas este sábado, 15 de xaneiro, durante unha rolda de prensa que ofreceron ante a Estación de autobuses de Ferrol, en compañía doutros integrantes desta plataforma, da que forman parte gobernos municipais, partidos políticos, sindicatos, varias asociacións veciñais, empresariado ou da cultura, ademais de veciñanza usuaria das liñas de transporte.

Dita reclamación decidiuse durante unha asemblea que este colectivo desenvolveu o pasado xoves, día 13, e na que tamén pediron "a implantación dun transporte público que considere a accesibilidade universal e inclusión como un dereito". Por iso, "é necesario modificar o contrato co obxectivo de adaptalo á actual demanda", cun "aumento de frecuencias e servizos nos horarios de maior demanda e que se dote de medios humanos e recursos materiais para a súa atención".

Ademais, solidarizáronse cos traballadores da empresa adxudicataria do transporte entre Ferrol e A Coruña, a UTE Hércules Norte. "Teñen o noso apoio nas súas demandas polos prexuízos que están a sufrir co cambio de concesionaria", dixeron.

MOBILIZACIÓNS

Teresa Vázquez xa anunciou que esta plataforma "aprobou unha serie de mobilizacións para presionar á Xunta de Galicia" e que se iniciarán o vindeiro xoves, 20 de xaneiro, cunha concentración desde as 19,00 horas, ante o edifico administrativo da Xunta na praza de España de Ferrol.

Seguiralle outra o xoves da seguinte semana, día 27, ante o Concello de Ferrol, tamén ás 19,00 horas, "coincidindo co pleno municipal, e continuaremos". Ademais, a portavoz desta plataforma adiantou que solicitarán unha reunión coa Xunta e representantes desta plataforma para "demandar que se restablezan os servizos da anterior concesionaria entre Ferrol e A Coruña e outras liñas da compañía".

Plataforma por un transporte público digno para Ferrol
Plataforma por un transporte público digno para Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

O tren de Coruña a Ferrol non pode competir ca autopista, pero si cos servicios por estrada. Tarda 1 hora 15 minutos, frente a 1 hora 40 do bus. I é moito mais cómodo, con butacas amplas , marcha suave e aire acondicionado,

1 ixtlan

É importante que se restablezan os servizos de transporte en autobús entre A Coruña e Ferrol, pero esta demanda debería facerse de forma paralela a outra para que se restablezan e melloren os servizos de transporte ferroviario. Cómpre presionar para que a liña de tren Ferrol-A Coruña deixe de ser testemuñal.